DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este luns celebrouse o acto de benvida ao novo alumnado estranxeiro

A 'relaxing' curso no campus de Ourense

Son en total 28 estudantes procedentes de arredor dunha decena de países

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 16/09/2013

Entre todo o alumnado que este curso asistirá a clases no campus de Ourense hai un grupo que, aínda que reducido en número, é especialmente importante polo que significa de cara á súa proxección e futuro. Trátase do estudantado estranxeiro que se incorpora aos centros ourensáns. Este luns celebrouse o acto de benvida aos 28 alumnos e alumnas procedentes de máis dunha decena de países que os vindeiros meses desenvolverá a súa vida académica e persoal nunha cidade e nun campus que, na primeira impresión, todos coinciden en destacar pola súa tranquilidade, beleza e acollemento.

María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Eva Garea, técnica da Oficina de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, e responsables dos diferentes servizos do campus foron as persoas encargadas de dar a benvida a este alumnado e de presentarlle os servizos que teñen á súa disposición nas instalacións universitarias. “Agardamos que estes meses que ides pasar connosco aprendades moitas cousas, tanto no eido académico coma persoal. Desexamos que lle saquedes o máximo proveito ao tempo de estudo pero tamén ao de lecer”, comentoulle María Lameiras aos asistentes. “A vantaxe que tedes ao estudar no campus de Ourense é que ides ser un grupo pequeno e, polo tanto, o trato que teredes entre vós e cos demais membros da comunidade universitaria será moito máis directo e familiar”, salientou Eva Garea, que lembrou a aposta da Universidade de Vigo pola atracción de alumnado foráneo a través dos diferentes programas de mobilidade internacional.

De Marrocos a México

Concretamente, este curso estudarán no campus de Ourense 28 estudantes, maioritariamente durante o primeiro cuadrimestre. Por centros, oito deles estarán na Escola Superior de Enxeñaría Informática; sete na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo; catro nas facultades de Ciencias, Dereito e Ciencias da Educación e un na de Historia. O abano de países de procedencia é moi amplo, como son Alemaña, Italia, Francia, Marrocos, México, Portugal, Polonia, Turquía, Grecia e Finlandia. Este alumnado procede de convenios bilaterais e dos programas Erasmus, Erasmus Mundo e, nesta ocasión e como novidade, do Erasmus Mundo Green IT, un programa que lle permite a un alumno de Marrocos estudar todo o curso na Escola Superior de Enxeñaría Informática.

“A cidade é pequena pero moi agradable e o campus parece moi moderno e bonito. De momento nada negativo que dicir”, destacaba no acto de benvida o alumno Domenico Sergio Antonacci, que xunto á tamén italiana Di Bari Sara estudará este cuadrimestre o Mestrado Universitario en Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde. Se a esto se lle engade o feito de que “a xente é moi simpática”, tal e como salientaron os franceses Eoïse Get e Ronan Briand, “a primeira impresión é excelente”. As súas expectativas positivas son compartidas, entre outros, polos lusos Joao Silva e Sara de Carvalho, que comezan as clases na Facultade de Ciencias co desexo de sacarlle o máximo proveito á súa estadía en Galicia.

Posta en marcha da Erasmus Student Network

Alén de coñecer de man dos seus responsables os servizos que teñen no campus, como a Biblioteca, o Servizo de Actividades Culturais, o Servizo de Deportes, o Centro de Linguas e o Gabinete Psicopedagóxico, o alumnado de intercambio tamén se informou este luns sobre as actividades de ocio, como excursións, que a Oficina de Relacións Internacionais organizará para eles co obxectivo de que coñezan a contorna e se relacionen co alumnado foráneo dos outros campus da Universidade de Vigo. Como novidade, este curso comeza a funcionar no campus a Erasmus Student Network ESN. A asociación, que nace da ESN xa existente no campus de Vigo, organizará actividades culturais, festas e outros eventos destinados a facer máis proveitosa a estadía deste alumnado estranxeiro en Ourense. Entre as súas primeiras iniciativas, adiantaron os seus membros, estarán unha visita guiada pola cidade e un partido de fútbol amigable entre estudantes.