DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Satisfacción na clausura das xornadas divulgativas 'A Química e as novas xeracións'

Rematan as conferencias, queda acesa a chama do interese pola ciencia

Foron dous meses de conferencias a cargo de novos investigadores e docentes

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 26/05/2011
Foron case dous meses de conferencias en tres idiomas, catorce xoves investigadores e docentes, unha media de trinta asistentes por evento e moitas gañas de aprender uns e ensinar outros como a química é fundamental para a vida. A Facultade de Ciencias do campus de Ourense pechou este xoves as súas xornadas A Química e as novas xeración apostando polos novos investigadores como o futuro da ciencia e da súa excelencia. Rematan as conferencias pero queda acesa a chama da curiosidade e do interese pola química, e polo coñecemento científico en xeral, entre os asistentes.

As xornadas A Química e as novas xeracións, organizadas polo Grupo Bioscope, celebráronse entre o 29 de marzo e o 26 de maio no marco da conmemoración do Ano Internacional da Química. Para pechalas, déronse cita na Facultade de Ciencias autoridades, alumnos e boa parte dos docentes e xoves investigadores que ao longo destas semanas participaron nas xornadas presentando o seu traballo científico. Carlos Lodeiro, coordinador da iniciativa, quixo salientar na clausura “a satisfacción de rematar estas xornadas sabendo que con elas conseguimos espertar a chama do interese pola química e a ciencia en moitos dos que se achegaron a escoitar as conferencias”.

Esforzo e excelencia

“O campus de Ourense arriscou e gañou apostando polas novas xeracións, pola nova sabia” e “por unha temática que en principio pode parecer ardua e lonxana como é a química”, destacou no peche das xornadas Jesús Vázquez, conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria. Vázquez fixo fincapé na aposta pola excelencia destas xornadas e “como entendendo máis a química comprenderemos mellor a súa utilidade e beneficios”.

A excelencia foi tamén un dos factores destacados por Mª Victoria Jato, vicerreitora de Investigación e Transferencia do campus de Ourense. “O capital humano é un activo estratéxico na procura, a través do esforzo, dunha facultade e dun campus de excelencia”, salientou. Ademais da calidade dos investigadores, a vicerreitora tamén quixo destacar a importancia da temática das xornadas, xa que “a química sempre estivo presente na nosa vida, no día a día, e as súas bases son a solución a moitos dos nosos problemas”.

Pola súa banda, Pedro Araújo, decano da facultade onde se celebraron as xornadas e onde estudaron e/ou traballan boa parte das promesas da investigación que participaron nas conferencias, salientou a súa satisfacción polo desenvolvemento das mesmas. “Ademais de servir de adhesión á celebración do Ano Internacional da Química, reflicten o bo facer desta facultade e deste campus”, destacou. Araújo quixo recoñecer o traballo destes investigadores, “que conseguiron transmitir aos seus compañeiros o seu traballo, sumando esforzos e marcando un incipiente camiño no campo académico”.