DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Manuel Reigosa e Antía Sández asinaron este xoves o acordo

Renovado o convenio co Consello Galego de Relacións Laborais para unha nova edición do curso de Negociación Colectiva

Xa está aberto o prazo de preinscrición e as clases arrancarán a finais de setembro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cursos
  • Reitor
  • Institucional
D. Besadío DUVI 06/07/2023

O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e a presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, Antía Sández, asinaron esta mañá no edificio Exeria do campus de Vigo un convenio de colaboración  que permitirá a posta en marcha dunha nova edición,  a sexta, do Curso de formación universitaria en negociación colectiva e individual no ámbito laboral, para o que xa está aberto o prazo de preinscrición e que, nesta ocasión, se levará a cabo do 28 de setembro ata o 23 de novembro na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo.

Dirixido polos docentes Jaime Cabeza Pereiro e Rosa Rodríguez Martín-Retortillo, quen aproveitaron este acto para agradecer o “apoio e implicación que sempre ten o Consello Galego de Relacións Laborais nesta iniciativa”, o curso busca afondar, desde un punto de vista xurídico, estratéxico, psicoanalítico e práctico, no sistema de negociación colectiva e as súas manifestacións, a través dun tratamento integral dos seus aspectos fundamentais. “Ofrece unha formación especializada en negociación colectiva que proporcione aos seus destinatarios as ferramentas necesarias para poder afrontar os conflitos individuais e colectivos no ámbito laboral coas ferramentas axeitadas”, explican os directores, ao tempo que resaltan o feito de que a negociación colectiva conforma na actualidade, “unha das materias máis necesarias de desenvolver, dada a conflitividade laboral froito da situación de crise”.

Cinco módulos de carácter teórico e práctico

Segundo se recolle no convenio, o curso permitirá ao alumnado estudar as técnicas e ferramentas clásicas de negociación, explorar o concepto de intelixencia emocional e a súa implicación na solución dos conflitos de calquera tipo, estudar estratexias baseadas na comunicación verbal e non verbal, adquirir coñecementos sobre as máis controvertidas temáticas da negociación colectiva e sobre o diálogo institucional en España e en Galicia. “Os contidos están estruturados en cinco módulos de carácter teórico e práctico e proporcionan uns coñecementos completos e integrais que permiten afondar no marco normativo necesario para afrontar as situación de conflito”, explica Rodríguez.

Especificamente dirixido ás persoas tituladas en Dereito, Relacións Laborais e Recursos Humanos, Ciencias do Traballo, Ciencias Económicas e Empresariais e Administración e Dirección de Empresas, tamén poden matricularse persoas con responsabilidade en recursos humanos, xefaturas de relacións laborais, asesoría e cadros das organizacións empresariais e sindicais. 

Ao abeiro da Escola Aberta de Formación Permanente

Adscrito á oferta formativa da Escola Aberta de Formación Permanente da Universidade de Vigo, cuxa directora, Mª José Moure, tamén asistiu ao acto de sinatura do convenio, o curso impartirase de xeito presencial dúas tarde á semana -martes e xoves- durante os meses de setembro, outubro e novembro, con 40 prazas e 30 euros de matrícula para o público en xeral, 27€ para os membros da comunidade Alumni-UVigo e 25,5€ para os membros da comunidade universitaria e persoas en situación de desemprego ou con discapacidade.

O prazo de preinscrición manterase aberto ata o mércores 19 de xullo e a matrícula deberá formalizarse do 1 ao 15 de setembro.