DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Encontro sobre a reforma dos estatutos universitarios

Representantes das universidades españolas debaten en Vigo sobre as inminentes modificacións do marco xurídico

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 18/10/2007

A inminente reforma dos estatutos universitarios está condicionada pola aprobación da modificación da LOU, do Estatuto Básico do Empregado Público e da Lei de Igualdade Efectiva entre mulleres e homes. Na actualidade, as universidade españolas atópanse nun momento crucial preparando estas reformas, que teñen por diante un prazo de dous anos e medio para rematarse.
Para poñer en común as experiencias dos servizos xurídicos e secretarías xerais destas institucións, este xoves e venres desenvolvese no campus vigués un encontro que, baixo o título “A reforma dos estatutos universitarios”, reúnen a representantes universitarios de toda España.
Organizada pola Universidade de Vigo en colaboración coa Asociación para o Estudo do Dereito Universitario (AEDU), esta xuntanza pretende converterse “nun foro de estudo e debate do dereito universitario orientado ás asesorías xurídicas e ás secretarías xerais”, destacou Esther González Pillado. Segundo a secretaria xeral da Universidade de Vigo, “tentaremos establecer pautas de cara á reforma dos estatutos”.
Para Juan Manuel del Valle, presidente da AEDU “a universidade é un lugar aberto ao futuro e cun longo pasado, pero temos que reciclarnos para acadar unha institución do presente”. O tempo que resta, dos tres anos previstos, para rematar as reformas estatutarias tamén inflúe no feito de que “nos atopemos ante un reto de gran interese, temos necesidade de debater, opinar e aportar entre todos, para manter viva unha universidade tantas veces centenaria”, destacou del Valle.
No que se refire ao caso concreto da Universidade de Vigo, a secretaria xeral, Esther González Pillado, adiantou que xa foron elixidos os membros das comisións para acometer estas reformas. Entre os temas desta xuntanza salientou dous aos de invita a prestar unha especial atención como son “a paridade e os órganos de goberno”.

As primeiras ponencias

Nestes intres estamos todos os representantes das universidades pendentes do que fan os demais para extrapolar e levarnos os avances ás nosas propias institucións”, subliñou Juan Manuel del Valle. Pero para isto, fai falta que alguén sexa o que dea o primeiro paso e para iso, segundo del Valle, poden ser moi importantes os relatorios destes días. A primeira mesa do día estivo protagonizada por Borja López, profesor da Universidade de Navarra, que afondou na potencialidade dos estatutos universitarios como ordenamento secundario. Na súa intervención lembrou que, á hora da regulación, non se pode esquecer o que son as universidades. “Somos comunidades de ensino e de aprendizaxe, onde temos que estar representados docentes, investigadores e alumnos”.

Dous días de xuntanza

Máis de 80 representantes das universidades españolas danse cita nestes días para coñecer a opinión e os traballos avanzados neste campo por teóricos e expertos do Dereito universitario. Ao tempo, os asistentes tamén poden achegarse a diversas propostas de redacción de estatutos dende diversas perspectivas: a igualdade de xénero, a homologación e adaptación de títulos e estudos, o réxime xurídico das universidades e as súas entidades satélites, o holding universitario ou a autonomía universitaria.
Todas estas propostas parten das tres bases arredor das que se debe organizar a reforma: a nova modificación da LOU, o Estatuto Básico do Empregado Público e a Lei de Igualdade Efectiva entre mulleres e homes.