DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xosé Manuel Cid, autor do libro "Educación e Ideoloxía en Ourense na II República"

"Na República o maxisterio en Ourense estaba á vangarda da renovación educativa"

O día 27 de decembro haberá unha homenaxe aos mestres represaliados en Trasalba

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 21/12/2009


“Durante a República o maxisterio en Ourense estaba á vangarda da renovación educativa”. Así o asegura Xosé Manuel Cid, profesor da Facultade de Ciencias da Educación, investigador e autor do libro Educación e ideoloxía en Ourense na II República, cuxa segunda edición está a piques de saír ao mercado. A publicación fai un completo repaso polos anos republicanos a través da vida e do traballo da xente do ensino en Ourense e da conta tamén dos esforzos destes mestres por clarificar a función social da educación, uns soños que se esvaeceron co golpe de estado do 36 e a represión que trouxo consigo a Guerra Civil española.
O estudo de Xosé Manuel Cid adquire de novo actualidade co gallo da homenaxe aos mestres represaliados que vai ter lugar o vindeiro día 27 de decembro, ás doce da mañá, no Pazo Otero Pedrayo de Trasalba. O acto está promovido polos concellos de Amoeiro, A Peroxa, Coles,Vilamarín e Ourense e no mesmo colabora tamén a Facultade de Ciencias da Educación. As investigacións realizadas durante todos estes anos permítenlle a Xosé Manuel Cid cualificar aos concellos de Coles, Vilamarín e Amoeiro como “o triángulo da represión, por tratarse de tres concellos moi pequenos onde a represión foi brutal”, asegura.

Unha iniciativa aprobada por unanimidade nos cinco concellos que participan na homenaxe

A finalidade da homenaxe será, precisamente, recoñecer o traballo dos mestres que durante os anos da República impartiron escola nestes concellos e que sufriron a brutalidade da represión. Urbano Rodríguez, tenente alcalde do concello de Amoeiro, explica que a organización da homenaxe “é un acto de xustiza e de recoñecemento ao labor desenvolvido por estes profesionais” e subliña da iniciativa “o feito de que foi aprobada por unanimidade en todos os concellos que participamos na súa organización. Penso que estar todos de acordo neste tema é un logro do que nos temos que sentir orgullosos”. No acto intervirán o alcalde de Amoeiro, Rafael Rodríguez; a concelleira de Cultura do Concello de Ourense, Isabel Pérez e Xosé Manuel Cid.

Ensinar nas aulas e combater o analfabetismo da poboación

Di Xosé Manuel Cid que durante os anos da República “Ourense foi a sede dun moi importante movemento educativo cuns mestres que entendían que a súa función era non só ensinar nas aulas senón tamén incidir na poboación atacando o analfabetismo”. Na súa obra da conta das asociacións de mestres que existían por aquel entón como a ATEO –Asociación de Traballadores do Ensino en Ourense- con case 300 afiliados e a Asociación Provincial do Maxisterio “que defendían, pola contra, que os mestres non debían meterse en cuestións políticas”. En outubro do ano 1934 a ATEO foi desactivada pola represión da Revolución de Asturias. “A partir dese desmantelamento os mestres máis moderados puxeron en marcha outra iniciativa chamada A Casa do Mestre, con sé na Alameda da cidade e cuns cincocentos asociados”. O investigador defende que este colectivo aínda que tiña uns principios defendía a neutralidade. “De feito –conta- nos locais da asociación estaba prohibido falar de política”.

Máis do 50% dos mestres do “triángulo da represión” foron perseguidos polas súas ideas

O golpe de estado do 17 de xullo de 1936 deu paso a anos de guerra e de represión. No partido xudicial de Ourense había 221 mestres, dos que 89 sufriron algún tipo de represalia, dende a suspensión de emprego e soldo ata a separación definitiva da profesión. Incluso a morte. Isto significa, segundo Xosé Manuel Cid, que o 40% dos mestres ourensáns sufriron represalias. Mención aparte merece o “triángulo da represión”, que é como o investigador chama aos concellos de Amoeiro, Coles e Vilamarín.
Nos concellos que van render homenaxe a aqueles profesores “máis do 50% dos mestres sufriron represalias”. E tres foron asasinados. Eran Francisco Torío, de A Peroxa, en agosto de 1936; Elixio Núñez, de Cambeo (Coles) en novembro de 1936 e Rafael Alonso, de Amoeiro, que foi paseado na curva do Rodicio en Maceda en setembro de 1937. Na homenaxe que se lle vai render a estes profesores en Trasalba lembrarase tamén aos exiliados como Ignacio Herrero, mestre en Tamallancos e exiliado a Venezuela; Leopoldo Vidal, mestre en Vilamarín e exiliado a México, Luis Bazal, mestre en Palmés e exiliado a Francia e Manuel Martínez Risco, catedrático de Óptica en Madrid e exiliado a Francia. Na homenaxe non se esquecerán de figuras como Manuel Gómez del Valle, “que non era mestre pero que estaba afiliado a ATEO e substituíu nalgunha ocasión a estes profesores” e Adolfo Rodríguez Ansias, “a quen a familia escondeu durante 28 anos”, segundo explica Cid.

Dun traballo renovador nas aulas a altas taxas de analfabetismo

O investigador asegura que estes docentes “fixeron un traballo moi renovador nas aulas pondo en marcha actividades como os centros de formación para os mestres, xornais escolares, saídas de estudo polo entorno e correspondencia escolar con outros centros”. E levaron adiante un proceso de alfabetización de nenos e adultos “e a promoción social da xente do rural e das clases máis baixas”. A Guerra Civil e a represión supuxo un golpe brutal para a educación e así o recoñece Cid. Nas palabras do investigador, “o retroceso educativo foi enorme porque supuxo volver a elevadas taxas de analfabetismo e á falla dunha formación integral”, asegura.