DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Responsables de diversas áreas do campus achegáronse ao centro para coñecer a súa oferta

A residencia universitaria tamén se pon a punto para o novo curso

Con 204 prazas, o complexo sitúase a escasos metros do campus ourensán

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 26/07/2011
Para o alumnado que estuda fóra da súa contorna xeográfica familiar unha das tarefas máis arduas que teñen que enfrontar nestas datas é buscar aloxamento para o vindeiro curso académico. Atopar algo preto da facultade, a un prezo asequible e que teña unhas boas condicións é un reto difícil de alcanzar. Entre as opcións que teñen á súa disposición está pedir unha praza na Residencia Universitaria As Burgas, situada a escasos metros do campus ourensán e que dispón de 204 prazas nas que os estudantes da Universidade de Vigo teñen preferencia.

Este martes responsables de diversos centros, estudos e servizos do campus de Ourense achegáronse ata o complexo residencial para coñecer de man do seu director, Jorge Rodríguez, os servizos e instalacións dispoñibles no vindeiro curso. “O obxectivo desta visita é que os servizos do campus dispoñan de toda a información sobre esta residencia universitaria para que poidan transmitirlla ao estudantado e que este coñeza as posibilidades que ten á súa disposición”, salientou María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, durante a visita.

A partir de 225 euros

O responsable da residencia explicou aos asistentes que o centro, que cumpre este ano unha década de funcionamento, dispón 204 prazas nas que teñen preferencia os estudantes da Universidade de Vigo e que se completan con alumnos doutros centros. A residencia tamén ofrece habitacións para estadías diarias e de grupos pequenos durante todo o ano e no verán todas as súas prazas se destinan a grupos e público xeral. Dispón de 133 habitacións individuais con cociña, 56 habitacións individuais con cociña compartida e 6 habitacións dobres con cociña. Todas elas teñen baño propio, teléfono, calefacción, conexión informática con acceso a Internet, antena de televisión e conexión vía satélite. Tamén dispón de habitacións adaptadas para persoas con discapacidades.

Durante o percorrido polas instalacións, Rodríguez destacou o desexo do complexo de potenciar a presenza de universitarios, que na actualidade ocupan arredor dun 60% das prazas. Entre os alicientes para decidirse por esta opción de aloxamento, o responsable de As Burgas apunta a súa excelente ubicación ao lado do campus universitario e do centro da cidade e o seu prezo, con diferentes opción en función do tempo de estadía e do tipo de habitación. Como cifra orientativa do seu custe, apunta que o curso que remata fixeron unha promoción de 225 euros ao mes durante todo o ano que polo éxito que tivo manterán vixente.