DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A terceira convocatoria das Bolsas Ourense Exterior ofrece 10 prazas para estudar no campus

Residente no estranxeiro e con ganas de facer un mestrado?

Subvencionan as taxas de matrícula nos estudos, o aloxamento e gastos de viaxe

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 18/05/2012

A piques de rematar o curso académico 2011/2012, as persoas que desexen incorporarse á Universidade de Vigo en setembro poden xa comezar a estudar as opcións que teñen á súa disposición. Para os residentes no estranxeiro que queiran vir a estudar ao campus de Ourense un dos seus mestrados veñen de convocarse as Bolsas Ourense Exterior. As dez persoas que consigan algunha das súas prazas estarán exentas de pagar as taxas de matrícula, disporán dunha praza na residencia universitaria e recibirán una axuda para gastos de viaxe. Unha boa oportunidade que os estudantes que xa gozaron destas bolsas recomendan aproveitar.

Segundo salienta María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, estas bolsas nacen da colaboración da Universidade de Vigo, a Deputación Provincial de Ourense e o Consello Social da Universidade de Vigo “para facilitar ás persoas que residen no estranxeiro a posibilidade de cursar estudos universitarios no campus ourensán e favorecer así a proxección do noso campus”. A iniciativa, salientan os seus promotores, contribúe a ampliar a oferta de formación educativa superior para estranxeiros e constitúe un instrumento destacado para favorecer a faciana internacional do campus de Ourense, pois os fluxos de estudantes internacionais son un indicador de calidade educativa dunha institución universitaria.

Tramitación telemática

A convocatoria Ourense Exterior está aberta desde o 12 de maio e remata o 11 de xuño. Nesta ocasión o número de prazas individuais ofertadas ascende a dez e poderán optar a elas os cidadáns residentes no exterior, valorándose a condición de emigrante español ou descendente de ata segundo grao, que queiran realizar no campus de Ourense primeiro curso dun dos seus mestrados oficiais e presenciais. Igualmente poderán ser beneficiarios aquelas persoas que acadaron unha Bolsa Ourense Exterior en 2010/2011 e 2011/2012. Neste último caso, poderán solicitar esta bolsa para cursar o terceiro curso do grao que están realizando.

Como en anteriores edicións, as bolsas terán como finalidade sufragar os custes das taxas académicas de matriculación e da estancia nunha praza da Residencia Universitaria de Ourense durante o curso académico para o que se outorga a bolsa. Ademais incluirá unha axuda para gastos de viaxe de ata 600 euros. A solicitude destas bolsas e a súa tramitación completa, salientan os seus responsables, pode realizarse de xeito totalmente telemático a través do espazo web habilitado para elas. Alén da solicitude da bolsa, os estudantes deberán matricularse no mestrado que desexan realizar o vindeiro curso seguindo o procedemento habitual.

A opinión dos anteriores beneficiarios

Durante o curso 2011/2012 estudaron no campus de Ourense cinco persoas con estas bolsas, dúas en graos e tres en mestrados, concretamente nos graos de Administración e Dirección de Empresas e de Enxeñaría de Sistemas e nos mestrados de Fotónica e Tecnoloxías do Láser e no de Ciencias do Clima. Dous dos seus beneficiarios, Jaime Agustín Avelino Suárez e Marco Antonio Santana, descendentes de galegos e procedentes respectivamente de Chile e El Salvador, non dubidan en recomendar aos interesados solicitar estas bolsas “porque a experiencia é moi positivamente en todos os aspectos, no académico e no persoal, e porque é un privilexio estudar coas condicións que ofrece a convocatoria de Ourense Exterior”.