DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Programa Ourense Exterior convoca 10 bolsas para estudar no campus ourensán

Residente no estranxeiro e con gañas de facer un mestrado?

Poden solicitalas cidadáns menores de 30 anos que vivan fóra de España

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 13/06/2011
Unha das apostas da Universidade de Vigo é a súa internacionalización. No caso concreto do campus de Ourense entre as iniciativas postas en marcha para avanzar neste eido están as bolsas de estudos universitarios Ourense Exterior. Grazas a elas 10 cidadáns residentes no exterior poderán vir a estudar, de xeito subvencionado, ao campus de Ourense un mestrado durante o curso 2011/2012. O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 8 de xullo.

A convocatoria, realizada pola Deputación Provincial de Ourense, o Consello Social da Universidade de Vigo e a Vicerreitoría do Campus de Ourense, foi publicada o día 9 de xuño no Boletín Oficial da Provincia de Ourense. Segundo salientan os seus responsables, o seu obxectivo é constituír un instrumento destacado para favorecer a proxección internacional do campus de Ourense, considerando que os fluxos de estudantes internacionais son un indicador de calidade educativa dunha institución universitaria.

As bases da convocatoria establecen que poderán ser beneficiarios deste programa persoas residentes no exterior, xa sexan españois, descendentes de españois ata segundo grao e estranxeiros, que queiran cursar no campus de Ourense primeiro curso de mestrado nalgunha das diferentes titulacións de posgrao presenciais que se imparten nas súas aulas. Tamén poderán ser beneficiarias desta iniciativa aquelas persoas que acadaron unha bolsa na anterior edición de Ourense Exterior, no curso 2010/2011.

Taxas, residencia e viaxe

En total convócanse 10 bolsas individuais que cubre os custos de taxas universitarias de matriculación, de aloxamento nunha praza da residencia universitaria de Ourense durante o curso académico e de custes da viaxe de ata 600 euros. Para obter unha das bolsas os solicitantes terán que cumprir unha serie de requisitos no momento de solicitala, como son ter residencia no estranxeiro, ter menos de 30 anos, cumprir os requisitos académicos necesarios para poder ser admitidos nos estudos para os que se solicita bolsa e, no caso dos que xa foran beneficiarios dunha bolsa Ourense Exterior no curso 2010/2011, é necesario a superación como mínimo do 80% dos créditos do primeiro ano.

Con esta convocatoria e segundo salientan os seus responsables, Ourense Exterior quere pór en valor os factores que contribúen a unha maior internacionalización do campus de Ourense, como son a calidade do sistema universitario, a universalidade dos idiomas oficiais galego e castelán e, no caso dos fillos de emigrantes galegos que queiras acollerse a esta iniciativa, a existencia de vínculos historico-familiares moi definidos que promoven unha grande identificación con Galicia.