DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo unha tese de doutoramento presentada na EU de Enxeñaría Técnica Forestal

A resistencia do millo á súa praga máis daniña pódese mellorar ao que tempo que se mantén un bo rendemento do gran

Germán V.Sandoya aplicou un programa de selección de metodoloxía clásica

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Ana Terceiro DUVI 08/02/2008

As plantacións de millo son moi importantes para a agricultura do país, sen embargo cada vez resulta máis complicado obter un produto de calidade debido aos grandes danos que causa unha das pragas máis prexudiciais desta planta, o barreno do millo. A praga está ocasionada polo ataque das especies lepidópteras Sesamia nonagrioides e Ostrinia nubilalis, pero a variedade que predomina no noroeste da Península Ibérica é a primeira, verdadeira culpable das importantes perdas económicas que poñen en situación de crise a moitos agricultores.
Esta problemática foi a que levou ao enxeñeiro agrónomo de orixe ecuatoriano, Germán Valentín Sandoya, a realizar un proxecto de investigación na Misión Biolóxica de Galicia (Instituto de Investigacións pertencente ao Consello Superior de Investigacións Científicas de España), co único obxectivo de mellorar a resistencia do millo ao ataque desta praga e, a súa vez, manter o rendemento do gran, obtido nas colleitas. Tras anos de traballo e mediante a aplicación dun programa de selección de metodoloxía clásica, lográronse mesturar diferentes variedades de millo de distintas zonas secas da Península, obtendo como resultado un novo tipo sintético cunha maior resistencia aos insectos barrenadores, de xeito que a lonxitude das galerías (buracos que a praga causa na planta) diminuíu considerablemente e o rendemento do gran non o fixo dun modo significativo.

Un futuro alentador para os produtores de millo

A ferramenta utilizada para acadar o obxectivo da investigación foi un programa de selección con metodoloxía clásica, isto significa escoller o mellor do millo para perfeccionar xeneticamente a especie. En realidade é o que se fai desde o principio dos tempos, “sempre o fixeron os agricultores, a diferenza é que agora utilízanse unhas ferramentas como a estatística e cuns criterios concretos”, comentou o autor da tese, Germán V. Sandoya. Neste caso, a investigación partiu dun tipo de millo do que se seleccionaron as plantas que presentaban menos danos causados polos insectos. Tras elixir catro variedades diferentes que proveñen da parte máis seca de España, sementáronse e fecundáronse unhas con outras de xeito que, ó cabo dun ano, o resultado obtido foi unha nova variedade que xa melloraba a resistencia anterior e que, tras a súa avaliación, volveuse a escoller o mellor para de novo mesturalas e fecundalas. Este proceso repítese varias veces ata concluír o que se chama un ciclo, e para acadar os obxectivos propostos, nesta investigación fixéronse tres. Ademais, na tese explícase a posibilidade de continuar co programa de selección ao quedar suficiente variabilidade xenética nas plantas para seguilas mesturando e, deste xeito, mellorar máis os resultados acadados.
Aínda que esta nova variedade obtida na investigación non foi aplicada na práctica, debido a que a finalidade do proxecto é puramente teórica, o autor da tese presentada na Escola de Enxeñaría Técnica Forestal do campus pontevedrés, explica que en calquera momento podería utilizarse, e de feito, varios agricultores europeos xa se interesaron nela. Polo de agora o material atópase gardado no banco de xenoplasma da Misión Biolóxica de Galicia, pero no caso de que se queira aplicar, os agricultores verían incrementadas as súas colleitas e a calidade do seu produto.

Unha ampla traxectoria

O recentemente doutorado Germán Valentín Sandoya desempeña o seu labor como enxeñeiro agrónomo para a Misión Biolóxica de Galicia, pero no seu currículo xa conta cunha longa historia profesional que o avala no eido da bioloxía e sobre todo na súa especialidade, a mellora xenética vexetal. Licenciado no ano 2001 pola Universidade Técnica de Babahoyo en Ecuador, veu a España a ampliar os seus estudos no Instituto Agronómico Mediterráneo de Zaragoza e finalmente, no 2007, foi cando acadou o Doutorado pola Universidade de Vigo. Nos últimos anos participou en importantes proxectos de investigación e en moitas publicacións de carácter científico, como resultado da súa ampla traxectoria por diferentes países como Francia, México, Ecuador e España.