No marco dos encontros que o alcalde está a manter con diferentes colectivos e entidades
Responsables da Vicerreitoría reúnense co Goberno local no inicio dun novo mandato
Tras a súa reelección como alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores mantén nestes días unha serie de encontros con diferentes colectivos e entidades e institucións, como o celebrado nesta xornada coa vicerreitora do campus, Eva María Lantarón. Nunha xuntanza na que participaron tamén o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, e o concelleiro de Educación, Demetrio Gómez, representantes de ambas institucións buscaban ter unha “primeira toma de contacto”, como explica a vicerreitora, tras o inicio do novo mandato do Goberno local.
Tras a xuntanza, a vicerreitora puxo de relevo a importancia que ten para a Universidade a colaboración co Concello e manifestou tamén que está previsto que proximamente o rexedor e o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, manteñan tamén unha xuntanza que permita seguir afondando nas liñas de traballo conxunto entre as dúas institucións.
O alcalde, pola súa banda, enmarcou este encontro nunha xerie de reunións e conversas cos diferentes axentes sociais e institucionais da cidade, que iniciaba este martes. Fernández Lores manifestou que estas primeiras tomas de contacto van da man da idea de abrir unha nova etapa tras a súa reelección e teñen como obxectivo "recoller e ter en conta as opinións dos diferentes axentes sociais" da cidade, "abrindo unha nova vía de comunicación e de participación que terá continuidade no día a día", informou o Concello.