DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dario Hermida e Miguel López serán os estudantes que viaxarán á Güiana para o lanzamento do XaTcobeo

Un reto, como diría Steve Jobs, absurdamente xenial

60 alumnos participaron durante tres anos no deseño e construción do picosatélite

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 06/02/2012
Un é enxeñeiro de telecomunicación. Ao outro quédanlle catro materias para ser enxeñeiro industrial da rama mecánica. Un ten 30 anos e é de Salceda de Caselas. O outro 26 e é vigués. Un comezou hai tres anos e sete meses no desenvolvemento da radio reconfigurable e rematou sendo o responsable da montaxe do picosatélite. O outro incorporouse ao proxecto en marzo de 2009 encargándose do deseño, desenvolvemento e ensaio do mecanismo de despregue de antenas. Son Darío Hermida e Miguel López, os dous alumnos da Universidade de Vigo que xunto aos investigadores Fernando Aguado e José Antonio Vilán asistirán o vindeiro luns 13 de febreiro ao lanzamento do XaTcobeo a bordo do foguete Vega desde o porto espacial europeo que a Axencia Espacial Europea ten na Güiana francesa.

Darío e Miguel son, xunto con case 60 estudantes máis, a alma dun proxecto educativo que como o propio Miguel sinala “é un desafío para todo o mundo. Empezar de cero, sen precedentes na Universidade de Vigo, a realización dun satélite que cumpre os estándares máis restritivos e esixentes que poida haber, é como diría Steve Jobs: absurdamente xenial”. Unha definición que Darío completa asegurando que “é como un soño feito realidade. Volvería empezar xa”, afirma, e iso a pesares das incertezas porque “non sabes se vai saír algo, porque en investigación é así, non sabes se sairá ou non”.
A unha semana vista do lanzamento afirman estar tranquilos, unha seguridade que sustentan nos ensaios aos que o picosatélite foi sometido. “Se se cumpriron os estándares e todo iso funcionou, confío en que todo saía ben”, asegura Miguel López, mentres que Darío Hermida sitúa o momento de maior tensión non no lanzamento senón no laboratorio do ESTEC en Holanda a onde o XaTcobeo chegou hai uns meses para “ver se cumpría ou non coa documentación e os ensaios. Agora xa está no foguete e non van decidir no último momento que non vai” afirma.

Traballo aeroespacial en equipo

Se Darío plantou as oposicións do INTA para atender o anuncio que buscaba xente para desenvolver o satélite, a Miguel que no ano 2009 quedábanlle 25 materias para rematar a carreira, foi José Antonio Vilán quen lle deu a oportunidade a través dunha práctica de entrar no proxecto, aínda que non do xeito que pensaba. “Díxenlle que si a facer a antena de terra do picosatélite, pero cando cheguei a casa chamoume e díxome que non era a antena de terra senón a do satélite. Foi un subidón porque nunca o fixera, pero estaba disposto a facelo igual”, explica Miguel.

O traballo en equipo durante moitos meses é algo que ambos valoran moi positivamente deste proxecto que consideran un reto persoal ademais de profesional. “A min gustábame a enxeñaría aeroespacial e sabía que cando rematase a carreira non sería doado atopar traballo ao lado da casa porque é un campo moi concreto que en España hai moi pouca actividade neste sentido”, explica Darío. Unha idea na que coincide Miguel que sitúa en Brasil e China os lugares onde maior aposta aeroespacial se está a realizar na actualidade. “Eu non marcharía de primeiras, pero nunca se sabe. Se podemos quedar aquí mellor”, asegura ao tempo que destaca que a súa participación no proxecto serviulle para entrar no certame Arquímedes, “o de maior importancia a nivel investigación universitaria en España” e tamén para realizar varias publicacións como por exemplo no congreso da NASA “algo impensable que se mo din hai tres anos pensaría que me toman o pelo”.

O momento máis especial que está aínda por chegar

A sorte, pero sobre todo a súas capacidades en áreas de traballo concretas dentro do proxecto determinaron que Darío e Miguel fosen elixidos para viaxar a Güiana. Precisamente alí ou en Vigo estará para Miguel o que considera será o momento máis importante desde que comezou a traballar no proxecto. “Ese instante será cando vexamos que o satélite está comunicando. Antes me parece conformarse con algo que está moi ben, pero ao final as cousas fanse por algo, non simplemente por facelas”, explica.

Darío Hermida asegura ser máis conformista e destes anos de traballo rescata o recoñecemento público do director de Comunicación da ESA, Javier Ventura-Traveset “a Fernando Aguado, ao alumnado e á Universidade que foi quen de facer un satélite que funciona en tempo e forma. Ver que alguén da ESA recoñece o traballo é moi importante”.