DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha decena de persoas participaron este venres no 1º bioblitz da UVigo

O reto, identificar o maior número de especies de flora e fauna do campus

A actividade, organizada desde a UCC+i, levouse a cabo de xeito simultáneo en Ourense e Vigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Cultura
DUVI Ourense 12/05/2023

Os campus de Vigo e Ourense foron escenario este venres da celebración do 1º bioblitz da Universidade de Vigo, un evento participativo de ciencia cidadá que ten por obxectivo que as persoas participantes identifiquen o maior número de especies nun tempo determinado. A actividade celebrouse por primeira vez na UVigo da man da súa Unidade de Cultura Científica, UCC+i.

O punto de encontro no campus de Ourense foron as pistas de atletismo, onde as persoas inscritas foron recibidas por Ramón Díaz, técnico especialista en Zonas Verdes e Xardinaría deste campus, e Jorge Pardellas, bolseiro da Oficina de Medio Ambiente da UVigo tamén en Ourense. Alí as e os participantes recibiron as primeiras explicacións, entre elas as técnicas máis axeitadas para facer unha observación responsable e informada de plantas e animais, para o que contaron coa aplicación móbil iNaturalist, que permite tomar e identificar fotografías xeorreferenciadas, así como gardalas na carpeta do proxecto para a súa posterior verificación por parte dos guías.

Tras recibir a información e indicacións precisas, durante unha hora e media as e os participantes, seguindo os itinerarios marcados pola organización, localizaron e fotografaron especies e rexistráronas a través da app iNaturalist. Finalmente, fíxose un reconto das observacións cualificadas dos diferentes equipos e persoas participantes e entregóuselle un premio á persoa que máis realizou, que foi Juan Francisco Calvo, con 44 observacións.

Dentro do programa Ciencia de ida e volta

Inserida dentro do programa Ciencia de ida e volta que se desenvolve co financiamento da FECYT, o obxectivo final desta actividade foi achegar as persoas ao medio ambiente e á diversidade, de xeito que aumenten os seus coñecementos sobre estes conceptos e comprendan a súa importancia, así como facelas partícipes do seu seguimento e posta en valor. Ademais destas dúas actividades nos campus de Ourense e Vigo, a iniciativa incluíu tamén unha conferencia no campus de Pontevedra, a cargo de Adolfo Cordero, catedrático de Ecoloxía e Bioloxía Animal titulada Biodiversidade, moito máis ca xenes e especies.