DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Recuperando cinco textos publicados en 1958 nun libro de homenaxe

A revista 'Cómaros' rende tributo a Otero Pedrayo

Domingo García-Sabell e Xesús Ferro Couselo son algúns dos autores dos artigos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
DUVI Ourense 25/06/2018

En 1958 Ramón Otero Pedrayo pronuncia a súa última conferencia como profesor universitario e xubílase aos seus 70 anos de idade. Ese mesmo ano, o 8 de xullo, “un nutrido grupo de intelectuais galegos viaxa a Trasalba para facerlle entrega ao escritor do libro Homaxe a Ramón Otero Pedrayo no LXX aniversario do seu nacemento, unha nova mostra de afecto que conmove fondamente ao literato”, tal e como indican desde a Fundación  Otero Pedrayo. No seu último número, Cómaros. Revista Interdisciplinar de Pensamento Galego, recupera algúns dos textos desa obra publicada pola Editorial Galaxia.

A revista Cómaros, de carácter electrónico e periodicidade anual, naceu no ano 2016 para tentar “servir como nó estruturante de todo o pensamento galego” apostando, entre outros aspectos, por potenciar os ensaios centrados en temáticas relacionadas con Galicia. A súa dirección corre a cargo de David Casado, profesor da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense e investigador do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía da Universidade de Vigo, e de Juan R. Coca, do Gir Trans-Real Lab. da Universidade de Valladolid. A publicación conta ademais cun comité editorial e un comité científico que agrupan a persoas espalladas por un amplo abano de institucións educativas e de pensamento tanto galegas como foráneas. 

O último número da revista, correspondente ao volume 2, número 02, leva por título Otero Pedrayo. Personalidade e paisaxe e nel recupéranse algúns traballos publicados no libro colectivo Homaxe a Ramón Otero Pedrayo grazas á colaboración de Galaxia e da Fundación Otero Pedrayo. “A revista Cómaros naceu, entre outras cousas, coa intención de recuperar textos de interese para a cultura galega. Por mor diso, para o seu último número a dirección da revista púxose en contacto coa Editorial Galaxia para poder reeditar un número de homenaxe que se fixo fai tempo na honra de don Otero Pedrayo”, explica David Casado. No número, engade, “non se publicaron todos os textos daquela obra, xa que ten a intención de ir sacando á luz todos os textos en galego”.

Afondando no autor e na súa obra

Con ilustracións de Heitor Picallo, o novo exemplar de Cómaros, que corresponde ao ano 2017, conta con con cinco textos. O primeiro, titulado Don Ramón, no tempo, está asinado por Domingo García-Sabell e arranca explicando a orixe do libro Homaxe a Ramón Otero Pedrayo. “D. Ramón Otero Pedrayo cumpre setenta anos i un fato de amigos se axunta cabo dele. Son xentes que van chegando de todas partes. Dende as Américas, dende Britania, polos vieiros frorecidos de Europa, polas paisaxes esquemáticas de Castela, polos vales, “onde o ar se apousa”, de Galicia. Em silenzo van chegando i, ó acercarse, forman, como os petrucios na feira, unha honesta roda de consideraciós a carón do vello arbre poderoso”, recolle este artigo antes de facer unha louvanza da traxectoria do homenaxeado. Séguelle un texto de Ramón Piñeiro titulado Carta a Leonor e Francisco da Cunha Leão (Sobre a personalidade e a obra de Otero), no que comeza ofrecendo un panorama da evolución cultural galega para logo afondar na figura de Otero.

Outros dous dos artigos abordan a relación do homenaxeado co seu lugar de orixe, coa natureza e coa paisaxe. Así, no texto Trasalba, Xoán Rof Carballo destaca como “tralo rico dibuxo espresivo, trala assombrosa capacidade de rememoración, trala gracia descriptiva hai, impalpábele, unha lonxana brétema, un aire sotil de nostalxia. Trasalba está ahí, e sin ela, o millor do estilo de Otero non tería a forza captadora que ten pra nós”. Pola súa banda, en A galicidade da paisaxe en Otero Pedrayo, Xosé Luis Franco Grande salienta como “Otero Pedrayo, que está dentro de seu país e que ten no seu país as raíces do seu ser, non podía de ningún xeito ser alleo a il”. Por último, este volume de Cómaros recupera o texto Como e por qué os escribanos deixaron de empregar o galego, de Xesús Ferro Couselo.