DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Editada na Facultade de Filoloxía e Tradución

A revista Hesperia homenaxe a figura do filólogo galego Anibal Otero

O académico Xesús Alonso Montero publica as cartas que serviron para evitar a súa condena a morte

Etiquetas
  • Vigo
Anabel Vila DUVI 22/02/2011
A revista Hesperia, editada na Facultade de Filoloxía e Tradución, rende no seu último número a súa particular homenaxe ao filólogo galego Aníbal Otero, do que este ano se celebra o seu centenario. Nun extenso artigo o académigo galego Xesús Alonso Montero recolle as cartas que Tomás Navarro Tomás, en calidade de director do Atlas Lingüístico de la Península Ibérica (ALPI), enviou a Otero cando este estaba a realizar traballos de campo para a devandita publicación. Este epistolario, de gran importancia a nivel filolóxico, ten tamén un valor engadido posto que foi presentado como proba da súa inocencia cando Aníbal Otero foi detido en Portugal nos inicios da Guerra Civil española, o que lle outorga un carácter único.

Todo se remonta a xullo do 36 cando, rematados os traballos en Galicia, o filólogo continúa cos mesmos en territorio luso. Producido o golpe de Estado en España a policía salazarista sospeita de Otero porque fai anotacións nos seus cadernos nunha linguaxe que eles consideran críptica, e en parte así era xa que se trataba dun alfabeto fonético, o elaborado por Navarro Tomás en 1915, o primeiro en España. Aníbal Otero foi detido, entregado a España e xulgado. Foi nese proceso no que a súa nai, Emilia Álvarez, rescata as cartas recibidas polo seu fillo do director do ALPI para presentalas ante o xuíz. Nelas había observacións fonéticas e lexicográficas referidas ao galego e tamén abundaban as consideracións sobre xeografía lingüística que podían acreditar que a actividade do filólogo galego era de índole cultural. Foi toda unha loita e conseguírono, como demostra o feito de que unha sentencia de condena a morte fose conmutada por prisión, da que Aníbal Otero sairía en 1941.

Único galego no ALPI

O traballo do filólogo galego quedou embazado polo feito de que tras saír do cárcere recluíuse no seu pobo natal, Barcia, en Lugo, sen apenas volver ter contacto co mundo académico xa que “estivo nas súas leiras, como el mesmo explicaba”, afirma José Montero, catedrático de Literatura Española da Universidade de Vigo e editor da revista Hesperia. A importancia de Otero “un grande descoñecido”, radica no feito de que “foi o único galego que traballou no ALPI. Fixo enquisas dialectolóxicas en Galicia e Portugal, utilizando para as súas anotacións o primeiro alfabeto internacional fonético que se fixo en España, o que fixo o seu ‘xefe’ , Tomás Navarro Tomás”. Tratábase duns traballos innovadores xa que os estudos filolóxicos “comezaron nos anos 10, por iso os seus escritos eran un verdadeiro xeroglífico para a policía portuguesa”, recorda Montero. Pese a todo, o filólogo lucense tivo certo recoñecemento na súa época, xa que “foi invitado por Otero Pedrayo para que escribise o apartado de lingua na Historia de Galicia, pero rexeitouno alegando que non tiña libros nin ánimo”, explica o catedrático vigués, que salienta, ademais que Aníbal Otero foi proposto para a Real Academia Galega, “aínda que nunca leu o seu discurso de ingreso”.