DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Universidades españolas e lusas participan na Xornada de Innovación Educativa 2011

A revolución na docencia chega da man do propio alumnado

As novas tecnoloxías e Boloña obrigan ao profesorado a deseñar espazos de aprendizaxe presenciais e

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Noemí Rey DUVI 10/06/2011

Séculos de historia empregando o mesmo modelo educativo dan agora paso a unha revolución nas aulas que fixo que os docentes pasasen nos últimos 30 anos de ser comunicadores dunha materia concreta en clases expositivas tradicionais a deseñadores de novos espazos de aprendizaxe que rachan coas barreiras que supoñen as catro paredes dunha aula. Unha evolución que queda patente na Xornada de Innovación Educativa 2011 que comezou hoxe na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación como “un intercambio enriquecedor de experiencias vividas na aula no sentido máis amplo da palabra. Son unhas pretensións necesarias, sobre todo nunha época na que o profesorado universitario está obrigado a facer cambios metodolóxicos, a reflexionar sobre a súa tarefa e tomar cada vez máis conciencia de que é unha profesión que esixe formación continua e reciclaxe”, recordou Ignacio Barcia, vicerreitor de Alumnado, Docencia e Calidade durante a inauguración do evento.

Pero esa revolución non parte dos propios docentes, senón “do alumnado, como aseguran moitos estudos pedagóxicos. Nos últimos anos temos que dirixir a mirada cara o estudantado para ver que métodos de aprendizaxe empregan e nós, os profesores, temos que adaptarnos a eles”, explicou Begoña Gros, especialista no emprego de Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) e vicerreitora de Innovación da Universitat Oberta de Catalunya, ademais da encargada da conferencia inaugural da xornada.

Do comunicador ao deseñador

Se nos anos 90 o que primaba era o docente comunicador, centrado nas clases presenciais tradicionais, expositivas, preocupado sobre todo por transmitir unha materia determinada e cun sistema de avaliación normalmente estrito, coa chegada do novo milenio o profesorado pasou a clases nas que a exposición compartía espazo coa funcionalidade, “centrándose máis no uso e na aplicación dos contidos dados nas clases teóricas”, subliña Gros. O resultado non era de todo satisfactorio: comezaban a empregar plataformas virtuais pero como parte complementaria, non como parte do método, polo que “deixaba unha escasa produción colaborativa e pouca creación de contidos por parte dos alumnos”.

Hoxe en día, coa implantación do Plan Boloña e coas redes sociais tan difundidas entre o alumnado, o profesorado ten que buscar novos métodos que combinen as clases presenciais coas virtuais dun xeito máis completo, transformando unha profesión que tardou en mudar séculos e “na que se introducen elementos nos que non somos destros e que escapan ao noso control total e absoluto, xa que probablemente os nosos estudantes aporten elementos que nos non coñecemos”, puntualizou.

Durante toda a xornada profesores de universidades de España e Portugal presentarán 22 comunicacións contando as súas experiencias innovadoras, apenas un 17% das 126 que se presentaron a avaliación. Unha xornada de traballo que se espera “frutífera” e na que a Universidade de Vigo presentará pola tarde os proxectos de innovación e investigación educativa que está a desenvolver.