DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Miguel Ángel Michinel non se presenta á reelección ao rematar os seus tres anos de mandato

Roberto Bustillo, único candidato a decano da Facultade de Dereito

As votacións da Xunta de Facultade serán o día 8 de outubro

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 28/09/2012

Ao igual que boa parte dos centros universitarios do campus de Ourense, a Facultade de Dereito comezou este curso académico inmersa nun proceso de eleccións a decano. Rematado o prazo de presentación de candidaturas, o docente Roberto Bustillo é o único candidato que se presenta para substituír a Miguel Ángel Michinel ao fronte do centro. As votacións de Xunta de Facultade serán o día 8 de outubro.

O equipo decanal proposto por Roberto Bustillo, segundo el mesmo explica, dará continuidade ao de Miguel Ánguel Michinel e terá como vicedecanos a Virxilio Rodríguez e a Susana Álvarez e como secretaria a Dolores Fernández. “Preséntome fundamentalmente porque Miguel A. Michinel decidiu non continuar no cargo e ante a falla de candidatos preferín presentarme antes de deixar ao centro nun baleiro institucional”, apunta o docente. O seu obxectivo en caso de ser elixido o día 8, apunta, será “tratar de xestionar o que xa está construído” grazas “ao enorme esforzo de Inés Iglesias e Miguel A. Michinel para adaptar os estudos da facultade a Boloña”. A consolidación dos graos e posgraos xa implantados, a permanente mellora da súa calidade e o mantemento do persoal docente e investigador do centro son algunhas das liñas de traballo que anticipa centrará o traballo do seu equipo.

Unha valoración moi positiva de tres anos de traballo

Miguel Ángel Michinel deixará tras a votación do día 8 o cargo de decano que veu ocupando nos últimos tres anos, unha etapa que o docente valora como moi positiva. “Neste período conseguimos a implantación do curso de grao en Dereito e o Mestrado de Avogacía e firmamos o contrato-programa por obxectivos coa Universidade de Vigo”, destaca entre os principais logros do seu mandato. As relacións que a facultade acadou establecer coas institucións da cidade, nomeadamente co Colexio Profesional de Avogados, así como as relacións coa Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo do campus de Vigo, son outros dos aspectos que valora moi positivamente destes tres anos ao fronte do centro.

Esta etapa, destaca o aínda decano, “foi unha experiencia moi enriquecedora porque me permitiu coñecer aspectos da xestión dun centro que só desta maneira se poden apreciar e porque conseguimos crear un ambiente de traballo moi bo”. Deste xeito, Michinel quere agradecer o traballo e o esforzo realizado polo persoal de administración e servizos do centro; polo conxunto da facultade e sobre todo polo equipo decanal, formado polas vicedecanas Mónica Siota e Francisca Fernández; a secretaria Dolores Fernández; o coordinador de grao Virxilio Rodríguez, e a coordinadora de relacións internacionais Mª Belén Sánchez. “Sen todos eles non houbera sido posible ter unha lexislatura tan levadeira como a que tivemos”, comentou.

De cara ao futuro do centro, Miguel Ángel Michinel agarda que se “dea certa continuidade” ao traballo realizado nestes últimos anos xa que o propio Roberto Bustillo foi vicedecano da Facultade de Dereito durante o primeiro ano de mandato de Michinel. De todos os xeitos, explica, o aínda decano agarda seguir vinculado á xestión do centro ourensán pois a súa intención é, alén do tema docente, traballar na captación de proxectos de investigación para a facultade e na potenciación da súa faciana internacional, especialmente con Sudamérica.