DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O rock únese á celebración dos 25 anos de Organización Industrial

Os grupos Gold Fox e The Inspectors ofreceron unha tarde de música no Vidal Bolaño

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI 05/11/2010
Ás conferencias, mesas redondas e relatorios únese tamén a música dentro do programa de actos para celebrar os 25 anos da titulación de Organización Industrial. As actuación de Gold Fox e The Inspectors, inseridas tamén dentro da programación cultural da Vicerreitoría de Extensión Universitaria, encheron o teatro Vidal Bolaño de Cidade Universitaria de sons actuais e revisións de clásicos do rock, nunha mostra máis do apoio que a Universidade de Vigo presta ás banda emerxentes.

Os primeiros en subirse ao escenario foron Gold Fox, grupo composto por catro afeccionados ao rock que quixeron levar o seu interese por este estilo un paso máis aló converténdose nunha banda. Na súa traxectoria tentaron buscar un estilo propio dentro dos sons do rock máis clásico, imprimíndolle a cada canción un ritmo diferente. Gold Fox son de Vigo e a banda está formada por catro amigos, Juan, batería e cantante, Santi, guitarra, Edu, baixo e coros e Fredy, guitarra solista forman parte dun proxecto no que priman as risas e o compañeirismo.

Tras eles, The Inspectors ofreceron un repertorio que se inclina máis cara o punk e os ritmos da música dos anos 70, unha música bailable e cun estilo moi característico. Asentado entre A Guarda e Vigo, o grupo naceu a principio do 2008 e del forman parte Rubén, voz, Alejo, guitarra e coros, Tito, guitarra e coros, Miguel, baixo e Carlos na batería. A compenetración dos seus gustos musicais axuda a que todo o seu traballo conte cun estilo propio e ben definido. Unha pequena parte do seu traballo foi gravada nos estudios Metrópolis.

Próxima xornada de aniversario

O programa de actos do 25 aniversario de Organización Industrial rematará o vindeiro 26 de novembro cunha xornada no salón de actos da escola dedicada aos enxeñeiros de organización e a alta dirección. Na mesa redonda participarán representantes de empresas da relevancia de Castrosúa, PSA Peugeot Citroën, Inditex ou Caramelo.

Pola súa banda, a programación cultural para o primeiro cuadrimestre retómase a vindeira semana con teatro. Será o día 11 ás 18.30 horas coa compañía La Jarana Teatro que porán en escena Mi cuerpo es mío no Teatro Vidal Bolaño.