DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O investigador do CSIC intervén nunhas xornadas no campus de Ourense

Rogelio Nogales salienta os beneficios das plantas de compostaxe fronte ás de incineración

Apunta que practicamente só Galicia optou polo sistema de queimar os residuos sólidos urbanos

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 28/03/2012

A xestión dos crecentes residuos sólidos urbanos é unha problemática á que se enfrontan de xeito diferente en cada territorio. No caso de Galicia optouse principalmente pola súa incineración en plantas como a de Sogama co obxectivo último de aproveitar estes residuos para a xeración de enerxía. Sen embargo, noutras zonas a opción elixida foi a compostaxe. Para falar dos beneficios desta última con respecto á queima, esta semana o campus de Ourense acolleu a visita de Rogelio Nogales Vargas-Machuca, investigador do CSIC e experto neste eido.

Nogales Vargas-Machuca participou en calidade de investigador da Estación Experimental do Zaidín de Granada-CSIC nunhas xornadas do Doutoramento en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria organizadas pola Área de Edafoloxía e Química Agrícola na Facultade de Ciencias. As súas intervencións estiveron centradas na compostaxe como biotransformación dos residuos sólidos urbanos, na vermicompostaxe como tecnoloxía de baixo custe para a valorización dos residuos orgánicos e na utilización agrícola e ambiental dos composts e dos vermicomposts resultantes.

Reutilización do produto

Cun enfoque da problemática desde a súa área de especialización, a compostaxe, o investigador salientou o seu rexeitamento á opción da incineración como fórmula de tratamento do lixo que xera a sociedade. “A incineración non é unha práctica sostible e de feito Galicia é a única que optou por esta vía en vez de pola compostaxe”, apuntou o investigador, que salientou que o único aval desa técnica é que permite a obtención de enerxía.

Fronte a esta opción, Nogales Vargas-Machuca destacou os beneficios da compostaxe para reutilizar os residuos orgánicos que xera a sociedade como emenda orgánica en solos e potenciar así unha agricultura sostible. Os froitos desta técnica, os composts e vermicomposts, “poden ser empregados como substitutivos ou complementos ao fertilizantes químicos”. Tamén pode ser empregados, por exemplo, para recuperar solos degradados pola contaminación con metais pesados ou pesticidas. “Mediante a compostaxe intentas recuperar e empregar os recursos contidos nos residuos”, explicou o investigador. Pola contra, advertiu, a incineración “non é un sistema de reciclaxe” senón que se queiman os residuos para obter enerxía liberando á atmosfera CO2.

Alén de participar nestas xornadas, o investigador destacou na súa visita a estreita colaboración que manteñen desde a súa institución coa Universidade de Vigo no eido do tratamento de residuos, especialmente en temas como o da vermicompostaxe. Nesta colaboración, Nogales Vargas-Machuca quixo facer especial mención ao traballo realizado con Salustiano Mato e co seu grupo de investigación antes do seu nomeamento como reitor da Universidade de Vigo.