DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Guillermo Suárez, profesor de Dereito Romano da Universidade de Vigo:

"Roma creou os piares xurídicos dunha economía de mercado"

É autor do libro "Dereito das empresas en Roma. Proxección no dereito portugués actual das empresas"

Etiquetas
  • Ourense
Raquel Feijóo DUVI 06/07/2010

Na súa etapa de expansión imperial –s. II a.C. – s. III d.C.- Roma creou unha economía globalizada. Segundo explica Guillermo Suárez, profesor de Dereito Romano da Universidade de Vigo, as empresas romanas operaron en todos os ámbitos e sectores. “Os emprendedores importaron e exportaron todo tipo de bens aos mercados conectados de consumo. Os inversores romanos crearon empresas pequenas e medianas e, noutras ocasións, os capitalistas uníanse en sociedades mercantís e montaban grandes empresas que operaban en numerosas nacións e provincias do imperio”, declara.

O mundo empresarial adquiriu tal importancia e repercusión na sociedade romana que os seus piares chegaron ata os nosos días. De feito o profesor Suárez asegura que a nosa civilización “é herdeira da dirección e xestión empresarial do comercio e dos negocios da civilización romana”. Experto no mundo romano, o investigador vén de publicar a quinta edición do libro Dereito das empresas en Roma. Proxección no dereito portugués actual das empresas, destinada especialmente a Portugal, Brasil e aos países de fala portuguesa como Angola. A investigación levada adiante para a publicación da obra permítelle ao docente afirmar que “Roma creou os piares xurídicos da economía de mercado e da dirección de empresas da nosa civilización occidental”. Defende o profesor que estes piares xurídicos e económicos “permanecen erguidos na actualidade e son os apoios sobre os que se asenta a economía globalizada occidental e mundial”.

Unha análise da estrutura das empresas do mundo antigo

As empresas do mundo antigo eran administradas polos fillos e as fillas da familia e polos escravos; de feito o docente asegura que os directivos – escravos podían operar de forma autónoma no mundo dos negocios. “Estaban facultados para crear empresas matrices e delegadas, podían deseñar estruturas económicas variadas mediante grupos horizontais e verticais de empresas para operar e diversificar os riscos”, declara. O investigador asegura tamén que foron frecuentes os contactos comerciais de Roma con Rusia, o norte o o centro de África, Arabia, Asia, India, China “e América? E posible”, sinala.

O obxectivo de Guillermo Suárez coa publicación deste libro foi o de analizar a estrutura destas compañías. Xunto a este tema a obra aborda tamén a materia do management, é dicir, a dirección e administración de empresas marítimas e terrestres de Roma e a súa proxección e vixencia no dereito portugués actual.

Para levar adiante o estudo o investigador seguiu o método histórico-crítico na análise das fontes de produción e de coñecemento das fontes do mundo antigo. O resultado é unha obra “ao alcance de todas as persoas interesadas en coñecer o mundo da empresa na civilización romana e a súa proxección na actualidade”, segundo as palabras do docente.

Do dereito romano ao dereito portugués actual

O libro fai unha proxección do mundo da empresa na civilización romana ao dereito portugués actual das empresas. Guillermo Suárez asegura que o dereito mercantil de Portugal “nútrese das fontes xurídicas de Roma e do seu deseño empresarial e comercial”. Con todo o investigador matiza que coa promulgación do Código Comercial Portugués de 1888, vixente ata hoxe, Portugal pasou a ter o seu diploma legal específico para a materia.

Deste xeito e segundo explica, “o Dereito Comercial actual non se limita a regular a profesión de comerciante e os actos de comercio senón que se ampliou para tratar toda a actividade empresarial, abrigando a industria, os transportes, os seguros, os bancos e as bolsas de valores”. Con estes datos na man o profesor Suárez asegura que se podería facer tamén unha proxección ao dereito español actual das empresas. Segundo as súas palabras, “o noso Código de Comercio é de 1885. Podemos facer as mesmas similitudes, salvando as diferenzas da lexislación específica, que co dereito comercial e empresarial de Portugal”, declara.

Máis libros sobre a temática

O profesor Guillermo Suárez ten publicados outros dous libros sobre a temática. O primeiro deles trata sobre a actividade aseguradora marítima comercial no mundo antigo e súa proxección ao dereito de empresas actual. A segunda publicación afonda na corrupción de directivos e a dirección de empresas mediante directivos-esclavos no imperio romano. O docente asegura que esta actividade investigadora repercute moi positivamente no seu traballo na aula. Segundo afirma, “creo que estamos no bo camiño xa que se están abrindo novas liñas de investigación que están a repercutir moi positivamente non só no alumnado, senón tamén nos investigadores de outras universidades nacionais e internacionais”, declara.