DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ronsel leva a México o patrimonio cultural inmaterial de Galicia

Iván Area é o único participante español nun congreso internacional sobre PCI

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
D. Besadío DUVI 13/08/2010

O Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) de Galicia estará presente este verán en México non só da man dos numerosos emigrantes galegos na diáspora, senón tamén do coordinador do Proxecto Ronsel, o profesor Iván Area, que acudirá ao estado de Chiapas, onde foi convidado a participar nun coloquio internacional sobre patrimonio inmaterial, que se celebrará do día 19 ata o 21 de agosto.

Area, único representante español no congreso, centrará a súa intervención no papel que cumpren os instrumentos musicais na cultura tradicional galega, ao tempo que achegará aos participantes as características básicas de Ronsel, unha iniciativa liderada pola Universidade de Vigo que xurdiu a finais do ano 2007 e na que as tres universidades públicas galegas e o Goberno autonómico uniron esforzos na salvagarda do patrimonio cultural inmaterial de Galicia.

Exemplo de colaboración

Area valora de xeito moi positivo a súa participación nesta cita internacional e subliñou que tratará sobre todo de resaltar unha característica que, ao seu ver, fai do Proxecto Ronsel unha experiencia única, “o feito de que os propios investigadores do proxecto son á súa vez portadores do noso propio patrimonio”, ao que quixo engadir a importancia da colaboración directa das comunidades de portadores e asociacións culturais en moitas das actividades realizadas polo proxecto, as que se lle prestou especial atención dende un principio. “Desta maneira Ronsel converteuse nunha iniciativa de salvagarda dirixida polos propios portadores e na que a colaboración das comunidades de portadores, asociacións culturais e particulares ten unha extraordinaria relevancia”, subliñou.

En relación ás accións concretas levadas a cabo ao abeiro do proxecto, Area lembrará a importancia que se concedeu aos instrumentos musicais tradicionais, subliñando, entre outros aspectos, a edición da monografía Os instrumentos musicais na tradición galega (Carpintero Arias, 2009), con máis de 1000 fotografías e case 500 páxinas de texto onde se describe cada un dos máis de 140 instrumentos musicais documentados, así como a súa historia, forma de fabricación e execución... “unha publicación que se converteu nun dos libros máis vendidos en Galicia durante varios meses e un fito dentro da etnografía musical galega”, engadiu.

Recoñecemento internacional

Tamén valorou moi positivamente o feito de ser un dos relatores convidados ao encontro, “trátase dun recoñecemento internacional ao traballo que facemos desde o proxecto Ronsel e tentarei aproveitar a ocasión para intercambiar opinións cos representantes de estados e territorios para falar sobre lexislación e desenvolvemento do patrimonio cultural inmaterial”.
Finalmente, sinalou que as relacións con outras iniciativas de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial seguen nunha boa dirección pois “de feito a profesora Fátima Braña está na actualidade na Napier University (Edinburgh) facendo unha estadía de investigación no centro que coordina o programa de patrimonio inmaterial en Escocia”.