DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Homenaxeouse a tres xuristas caldeanos

Rotundo éxito a todos os niveis do curso “Galicia, vista polo Dereito”

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Marta Casanova DUVI 31/10/2007

Cumprindo os obxectivos previstos e incluso superándoos remata o curso Galicia, vista polo Dereito celebrado no castelo de Castro Caldelas. O proxecto, nacido con vocación de unir esforzos entre varias facultades contou coa presencia maioritaria de relatores do ámbito do dereito e educativo, pero tamén participaron ponentes da Facultade de Historia coma Jesús de Juana, catedrático da Universidade de Vigo.
O esforzo de abordar unha área tan complexa dende diferentes puntos de vista tivo como recompensa un enorme éxito de público e un programa moi completo. Inés Iglesias, decana da Facultade de Dereito manifestou que “a colaboración entre áreas e facultades enriquece o enfoque e o que en principio era unha homenaxe serve para aproveitar a ocasión para tratar temas relacionados con maior profundidade”.

Homenaxe póstuma

Os protagonistas do curso, Casado Nieto, Claudio Movilla e Orencio Pérez, caldeanos, recibiron así unha homenaxe póstuma por ser os primeiros xuristas en dictar sentencias en galego, “o que pon de manifesto a importancia que tiveron na influencia no uso da lingua galega. A súa labor foi normalizadora nun mundo,o do dereito, moi pouco bilingüe e demostraron que o galego é un medio idóneo en calquera ámbito” apuntou a decana.
A iniciativa do curso partiu do Concello de Castro Caldelas e da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e ante o éxito alcanzado a administración local non descarta poñer en marcha actividades orientadas a homenaxear a outros xuristas da vila. Pola súa banda a Universidade sumouse con posterioridade ainda que está aberta a outras futuras colaboracións.