DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ambos son xogadores do Escola Xadrez Pontevedra–Universidade de Vigo

Rubén Fernández proclámase campión galego Sub14 de xadrez e Pablo Vidal subcampión Sub18

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • Público externo
  • Vigo
  • Deportes
DUVI 15/02/2018

Fernández, campión galego e subcampión de España Sub12 na pasada temporada, debutaba na categoría Sub14 e, pese a ser o ano do seu estreo nesta categoría, partía como un dos principais favoritos e cumpliu coas apostas acadando o título autonómico. A súa participación saldouse con seis vitorias e dous empates, confirmándose como unha firme promesa do xadrez galego. Cos mesmos puntos finalizou o subcampión, Claudio Reboredo, pero ao caer ante o propio Rubén Fernández, rematou no segundo posto. A consecución da coroa autonómica sub-14 suponlle ao xogador do EXP-Uvigo conseguir unha praza de invitado para os Campionatos Nacionais de Idades que se disputarán en Salobreña (Granada) o próximo verán.

Pablo Vidal, pola súa banda, proclamouse subcampión na categoría sub-18, revalidando o posto de 2017. Loitaba por facerse co título no que é o seu derradeiro ano nas categorías de base, pero unha soa derrota, a sufrida ante a excampioa de España, Mireya Represa, privoulle do Campionato. De feito, Represa, arrancando con sete vitorias consecutivas, e xa matematicamente campioa, caeu na última partida. Con todo, esta é a primeira vez na historia que unha xogadora galega se proclama vencedora da categoría xeral, converténdose nun referente para todas mozas que dan os seus primeiros pasos no xadrez.

Próxima xornada da Liga Galega

A Liga Galega de Xadrez regresa esta fin de semana, A próxima xornada disputarase este sábado 17 de febreiro e o EXP-UVigo-Xadrez Estratexia pola Paz recibirá ao líder da clasificación provisional, o Xadrez Tui, un equipo con moitas caras coñecidas, como as dos Mestros Internacionais Astaneh, Rodríguez López e Páramos ou os excampións galegos Carrera e Leirós, todos eles ex-xogadores do Universidade de Vigo.