O deportista da Escola Xadrez Pontevedra-UVigo representará a España na Copa do Mundo
Rubén Fernández proclámase subcampión de España de Xadrez sub16
Tamén acadou un bronce na modalidade de rápidas
Dobre medalla para Rubén Fernández nos Campionatos de España Sub16 de Xadrez, disputados na localidade granadina de Salobreña. O deportista da Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo, vixente campión galego da categoría, proclamouse subcampión de España sub16, sumando un total de 7.5 puntos (sete vitorias, un empate e unha derrota). Ademais, acadou un bronce na modalidade de Xadrez Rápidas. Tras estes resultados, Rubén Fernández representará a España na Copa do Mundo, que se celebrará do 16 ao 20 de agosto.
“Rubén engrosa o seu palmarés con dúas novas medallas. Pese á súa mocidade é xa un dos xadrecistas galegos máis laureados de todos os tempos”, destacan desde a Escola Xadrez Pontevedra-UVigo lembrando como o deportista foi “o primeiro e único galego en gañar unha medalla nun mundial e o terceiro español en acadalo”, ademais de bronce no Campionato do Mundo Sub 14. Juan Manuel Martínez e Miguel Alonso completaron a expedición da Escola Xadrez Pontevedra na competición. O primeiro, vixente subcampión galego, rematou 14º na modalidade de rápidas e 47º no ritmo clásico. O segundo, debutante nun nacional, mellorou nun posto a súa clasificación de saída nas clásicas, 153º, e foi 99º no de rápidas.
Sobre o Campionato de España Sub16, no que participaron do 19 ao 24 de xullo 201 deportistas, desde a Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo indican que “unha temperá derrota na segunda rolda deixou a Rubén contra as cordas, sen marxe para máis erros. Unha presión que non foi suficiente para cortar a remontada do galego, ao que lle faltou unha ronda máis para dar caza ao mestre FIDE andaluz Yingrui Lin, campión de España con 8 puntos”. Sobre a participación no Campionato de España Sub16 Rápidas 2021, que se celebrou o 24 e 25, desde o club sinalan que “coma un calco do que acontecera no ritmo clásico, Rubén perdeu na segunda rolda. Unha inesperada derrota fronte á xogadora canaria Jimena Pérez”. Tras remontar acadou a puntuación do primeiro clasificado pero dado que os cinco primeiros deportistas remataron empatados a 7,5 puntos o sistema de desempate relegou a Rubén Fernández ao terceiro posto, por detrás do andaluz Bernardo Maestre, segundo, e do madrileño Sebastián Reyes, campión”.