DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As diferentes categorías e amigos do Club Ourense celebrarán xuntos o remate da liga

O rugby estará de festa o día 23 de xuño

Nas instalacións deportivas do campus haberá encontros, comida e sobre todo moita diversión

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 19/06/2012

A liga de rugby 2011/2012 rematou e é hora de celebrar o esforzo realizado durante toda a tempada e os resultados obtidos cos compañeiros de fatigas e cos familiares e amigos. Con esta idea, o Campus Ourense Rugby celebrará o sábado día 23 de xuño o Día do Club, unha xornada festiva que servirá de punto de encontro entre todas as categorías deportivas activas, ex xogadores que forman parte do rugby ourensán e amigos en xeral deste deporte.

Ao tratarse dun grupo moi diverso, explica o club, en canto a idades, experiencias, traxectoria, etc. decidiron pór en marcha unha iniciativa adaptada ás características da entidade e na que, dun xeito ou doutro, puideran participar todos os colectivos e vivir xuntos un día de deporte e diversión entre amigos. Será un peche de gala para unha tempada que o rugby universitario viviu dun xeito moi satisfactorio, polo resultado obtivo polo seu primeiro equipo, que rematou cuarto a liga, por conseguir sacar adiante un conxunto feminino e por asentar a canteira de xuvenís e infantís.

Un programa para todos e todas

A cita será o sábado no campo de futbol-rugby do campus de Ourense, de 11.00 a 20.00 horas, aproximadamente. A programación comezará cunha serie de micropartidos de 25 minutos na que xogarán as diferentes categorías do club e tamén veteranos. Para rematar poderán incorporarase ao campo de xogo e gozar en primeira persoa deste deporte os acompañantes dos xogadores que o desexen, tanto familiares como amigos. Despois do deporte chegará o momento de repoñer forzas celebrando unha comida colectiva. Ao remate, e durante toda a tarde, a diversión será a gran protagonista coa celebración da Gala dos/das mellores, unha sesión na que, entre sorpresas e sorrisos, haberá tempo para recoñecer o traballo dos conxuntos de rugby ourensáns e dos seus compoñentes.

Para facer fronte aos gastos derivados da celebración, as persoas interesadas en achegarse deberán pagar unha entrada, que ten un custe de cinco euros para unha persoa, oito euros para dúas persoas e tres euros por persoa se son tres ou máis asistentes. A data límite para confirmar a asistencia e o pago da entrada correspondente será o xoves 21 de xuño.