DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os primeiros participantes realizaron este martes un percorrido guiado pola biodiversidade do campu

A Ruta das Árbores estrea a primavera coa visita de 80 escolares

A iniciativa está organizada pola OMA e a Concellaría de Educación de Ourense

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 20/03/2012

Este martes chegou oficialmente a primavera, unha estación que xa é palpable nos xardíns históricos do campus de Ourense pola incipiente floración de plantas e árbores. A piques de acadar o seu momento de maior beleza e esplendor natural, o campus abre agora as súas portas aos escolares ourensáns para que poidan coñecer toda a riqueza natural das zonas verdes universitarias a través da realización da Ruta das Árbores. Esta semana arredor de 80 escolares participarán nesta iniciativa da Oficina de Medio Ambiente da Universidade de Vigo e da Concellaría de Educación de Ourense.

As visitas desta semana dan continuidade ás realizadas por primeira vez o pasado mes de novembro, na que case medio cento de escolares acudiron ao campus de Ourense a coñecer un pouco máis sobre a biodiversidade do planeta a través desta ruta. Dado o éxito da iniciativa, repítese agora coa visita os días 20, 21, 22 e 23 de marzo de 47 alumnos do Colexio Padre Feijóo e 36 do Colexio José García, ambos da cidade de Ourense. Este martes, os primeiros 24 escolares participantes xa realizaron un percorrido no que puideron coñecer os aspectos máis destacados e/ou anecdóticos das 25 especies existentes nos xardínsuniversitarios, como a súa procedencia xeográfica, a idade de vida ou os usos.

José Manuel P. Teijeiro, responsable de xardíns e zonas verdes do campus de Ourense, salienta a satisfacción da OMA polo regreso dos escolares ao campus para adquirir coñecementos e sobre todo conciencia ambiental, xa que a actividade enmárcase dentro das accións de divulgación e sensibilización que tanto a Oficina de Medio Ambiente como a Concellería de Educación realizan para espertar o respecto por a natureza entre as novas xeracións. “A experiencia é sempre moi gratificante, porque os rapaces e os docentes están moi receptivos a todo o que lle contamos sobre a natureza e o seu coidado”, engade.

Trala celebración desta segunda quenda de visitas, a Ruta das Árbores seguirá aberta aos escolares interesados en achegarse ata o campus de Ourense. Deste xeito, os organizadores da iniciativa queren animar aos centros educativos a aproveitar esta oportunidade para que os seus escolares aprendan a través do contacto directo coa natureza, tocando eles mesmos as árbores e plantas das que se lles fala. Aínda que a ruta está aberta a calquera cidadán, que pode realizala individualmente seguindo os paneis informativos colocados ao pé de cada especie, estas visitas guiadas están dirixidas especialmente ao alumnado de 1º e 2º da ESO e Bacharelato dos centros educativos da cidade das Burgas.