DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Durante o curso 2012/2013 celebraranse once excursións pola xeografía galega

As rutas culturais volven 'ás andadas' cunha programación renovada

Os itinerarios tamén se achegarán nesta edición á provincia de Lugo e a Portugal

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 03/10/2012

Comezou o mes de outubro e coma cada ano por estas datas chegou o momento de que a comunidade universitaria recupere do faiado a mochila e as botas de camiñar e se prepare para participar nunha nova edición das rutas culturais. A programación deste curso académico xa está en marcha e inclúe once itinerarios, practicamente todos eles novos, que levarán aos participantes a percorrer as provincias de Ourense e Pontevedra, coma en anteriores ocasións, pero tamén a lugares ata o de agora non incluídos nas andainas universitarias.

“Este curso ofrecemos unha programación totalmente renovada, na que faremos novos percorridos polas provincias onde se sitúa a Universidade de Vigo pero tamén por outras zonas próximas, como a provincia de Lugo e o Norte de Portugal. Tamén incluímos itinerarios recentemente postos en marcha, seguindo a nosa filosofía de ser punteiros na realización de andainas”, destaca José García-Calvo Willy, coordinador das rutas desde o Servizo de Deportes do campus de Ourense.

Das Pozas de Melón á Ría de Aldán

As rutas comezarán o día 20 de outubro e rematarán o 11 de maio. En Ourense celebraranse cinco dos itinerarios, concretamente por Pozas de Melón-Balenario de Arnoia; por Arenteiro; por San Pedro de Rocas; polo Camiño Portugués, chegando á localidade lusa de Chaves, e por Terras de Cortegada. O itinerario por San Pedro de Rocas incluirá o tradicional Magosto que cada edición se celebra durante as rutas culturais. Da provincia de Pontevedra, os inscritos percorrerán os itinerarios de Carboeiro-Fervenza do Toxa; Sete Camiños, pola zona do Toural; o CUVI, onde está a sede da Universidade de Vigo; e o Morrazo-Ría de Aldán, onde rematará a edición 2012/2013 destas andainas tamén co tradicional baño na praia. Na provincia de Lugo, as rutas chegarán á Ribeira Sacra e ao Río Pequeno-O Courel, dous lugares de especial valor natural da zona.

Segundo salienta José García-Calvo, “as rutas contan cun público moi fiel e con esta programación quixemos ofrecer itinerarios atractivos e novidosos tanto para os que veñen participando nas anteriores edicións coma as novas persoas que se queiran unir a nós nesta actividade”. En cada percorrido, explica o coordinador, participan unha media de 90 persoas procedentes tanto de Ourense coma de Pontevedra e Vigo, enchéndose practicamente en todos os casos os dous autobuses habilitados en cada andaina.

Para todos os públicos

Nas rutas poden participar tanto membros da comunidade universitaria como persoas alleas a ela, sendo habitualmente unha proporción de 40% membros da Universidade e 60% de fóra dela no caso de Ourense. O prezo de inscrición varía en cada caso, sendo o custe dunha ruta dez euros para a comunidade universitaria e 15 para os usuarios externos. Tamén se poden comprar bonos de cinco ou dez rutas. Por cada tres rutas concédese un crédito ECTS ou dous créditos de libre configuración, ata un máximo de dous créditos ECTS ou catro de libre configuración.

Alén do atractivo dos itinerario e do seu baixo custe, José García-Calvo fai fincapé no excelente ambiente que se goza nos percorridos, polo que anima a todas interesadas no sendeirismo e en descubrir o rico patrimonio arqueolóxico, historico-artístico e natural de Galicia a unirse ás rutas, onde dous monitores, un bolseiro da área de Turismo e outro de Historia, descubrirán aos participantes o valor da contorna que se visite en cada caso.