DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Terán lugar desde o 27 de febreiro ao 20 de abril

As rutas culturais volven este cuadrimestre con seis propostas

Achegaranse a Arnoia, San Mamede, Manzaneda, O Rosal, Las Médulas e Carnota

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 15/01/2024

A programación de rutas culturais da Universidade de Vigo xa está en marcha. Este cuadrimestre serán seis as andainas que se celebrarán desde o 27 de febreiro ao 20 de abril e que levarán aos participantes, tanto membros da comunidade universitaria como persoas alleas a ela, a enclaves como Arnoia, San Mamede, Manzaneda, O Rosal, Las Médulas e Carnota.

Na súa presentación este luns, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, salientou “a calidade destas rutas e a calidade das persoas que as desenvolven”, apuntando como son un exemplo de “simbiose entre a universidade e a sociedade”. Do mesmo xeito, Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria da UVigo, puxo en valor o feito de que estas andainas “conxugan cultura, deporte e promoción da lingua galega”. Pola súa banda, Rodrigo Alberte, técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte do campus, puxo en valor a “bagaxe e solidez” duns roteiros que este curso académico cumpre 25 anos. No acto houbo unha lembranza especial para José García-Calvo, Willy, coordinador dos roteiros durante eses 25 anos e recentemente falecido.

De Arnoia a Carnota

Antonio Vázquez, técnico de Xeitura, foi o encargado de detallar a programación de andainas para este cuadrimestre. A primeira leva por título Cultura do Viño. Coto Novelle-Vila Termal de Arnoia. Será o 27 de xaneiro, cunha dificultade media-baixa, e consistirá nun “paseo pola cultura vitivinícola e termal” desta zona. Seguiranlle dúas andainas de montaña. A primeira, o 17 de febreiro, con dificultade alta, será na Serra de San Mamede, e a segunda, o 2 de marzo e con dificultade media-alta, será en Cabeza de Manzaneda. Tamén en marzo, o día 16, terá lugar a ruta Cultura da Auga. Muíños do Folón Picón (O Rosal)-A Guarda. Cunha dificultade media e 18 quilómetros de percorrido, as e os participantes achegaranse a coñecer os máis de 60 muíños deste enclave.  

A novena ruta cultual deste curso e a cuarta deste segundo cuadrimestre será o 6 de abril, a ruta Cultura Romana. Las Médulas (León). Cunha dificultade media e 15 quilómetros, o roteiro permitirá coñecer a “asombrosa paisaxe resultante da antiga minería romana de ouro” da zona. Por último, a programación achegarase á Costa da Morte, concretamente a Carnota, o 20 de abril, para pechar a súa actividade como é tradición na praia. Será cunha andaina de 17 quilómetros e dificultade ,media-baixa.

As inscricións están abertas de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior a cada ruta no Campus Activo da UVigo. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores permítese a inscrición de calquera persoa interesada. Cada andaina realizada recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración e haberá autobuses para trasladar as persoas participantes ao inicio de cada roteiros dende os campus de Ourense, Pontevedra e Vigo.