DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este sábado o campus será para os maiores

Nun encontro que reunirá a 170 estudantes das aulas senior das tres unviersidades do SUG para compar

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 07/05/2010
Como unha oportunidade de coñecer persoas e novos xeitos de estudar e traballar, así se presenta o IV Encontro Galego de Programas Universitarios para Persoas Maiores que este sábado se desenvolve na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. A finalidade é reunir ao alumnado pero tamén ao profesorado das aulas de maiores das tres universidades galegas, un obxectivo que comparten 170 inscritos, 84 da Universidade de Vigo, 50 da Universidade de A Coruña e 35 da Universidade de Santiago de Compostela.
Esta iniciativa está organizada pola Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa da Universidade de Vigo en colaboración coas universidades de Santiago de Compostela e da Coruña. Segundo apunta o vicerreitor Pedro Membiela “este encontro vai supor unha boa ocasión para coñecernos porque sempre é importante saber as liñas de traballo e actuación dos profesionais dos outros campus e para que os estudantes intercambien as experiencias e investigacións que veñen realizando”.
Para isto deseñouse un amplo e diverso programa de actividades culturais, divulgativas e de lecer entre os que destaca o relatorio do catedrático de Xeografía Física da Universidade de Santiago de Compostela, Augusto Pérez Alberti, que pronunciará un relatorio sobre a demografía en Galicia. No transcurso do encontro, que se desenvolverá ao longo de todo o día, impartirase tamén unha conferencia sobre a avaliación do Programa de Maiores na Universidade de Vigo, un traballo levado a cabo pola Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa no que se pon de manifesto a opinión “sempre positiva” do estudantado do programa, segundo comentou Membiela. Ademais, os docentes e estudantes asistentes participarán activamente expoñendo diversas comunicacións, entre as que cabe destacar a conferencia titulada Vigo no segundo bicentenario como cidade. Durante o acto celebrarase tamén unha comida de confraternidade “para fomentar as relacións entre os membros das tres universidades participantes nos Programas para Maiores” indicou Membiela.

Sempre é tempo de aprender

Os programas de maiores que as universidades galegas teñen en marcha en A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo están dirixidos a todos os maiores de 50 anos que teñan o tempo suficiente para o estudo e a integración nas diversas actividades, desexos de achegar a súa experiencia e de participar na vida académica, sen necesidade de titulación previa. No tempo que levan funcionando estas iniciativas está a obter unha moi boa resposta no número de matriculados pero, segundo o vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, tamén é relevante a valoración dos participantes, o “alto grao de satisfacción” co que contan estes programas, facendo fincapé na entrega do alumnado, posto que “moitos deles retoman os estudos ou inícianos dende cero sempre de forma voluntaria e, unha vez que rematan, non queren deixalo”.
Este curso nas aulas da Universidade de Vigo matriculáronse no programa de maiores preto de 150 persoas, unha cifra de participación moi similar á que se rexistrou tanto en Santiago como na Coruña.

Actividades de lecer

O programa do encontro inclúe, polo seu carácter lúdico e de confraternidade, unha serie de actividade de ocio como concertos e teatro. Así, a tarde contará co espectáculo de teatro lido Olladas no tempo da man de Xubiloteatro e a actuación do cuarteto musical Aurum que interpretará pezas de Haendel, Vivaldi e Gardel entre outros. Xa no acto de clausura intervirá o Coro da Universidade de Vigo con dúas obras de Verdi, unha adaptación galega do Mary Poppins de Robert Sherman co arreglo coral de Nuria Lorenzo e o acompañamento ao piano de Jesús Moares, para rematar co Gaudeamus Iguitur.