DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Derrotado polo Getxo en As Lagoas por 8-14

O sabor do triunfo séguelle sendo esquivo ao Universidade Iveco

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI 24/10/2011
Cinco partidos xogados e cinco partido perdidos. Este é o balance do Universidade de Vigo Iveco que ante o Getxo Rugby Taldea sumaba este domingo a súa quinta derrota consecutiva por 8-14, aínda que o equipo vigués foi quen de conseguir o punto bonus.
Fronte a un rival do seu nivel, o Universidade volveu deixar escapar o partido por erros como placaxes falladas e ensaios en contra dos que o rival soubo aproveitarse xogando tacticamente mentres o equipo vigués se desesperaba por conseguir o balón. Os vascos agachaban e retían a bola e cando o Universidade a recuperaba, xogaba ao longo ata que o vento e a choiva freaba as xogadas por pases adiantados, caídas de balón ou a imposibilidade de xogar en velocidade.
O Getxo comezou gañando o encontro mediante un ensaio conseguido no minuto 4 e xa no descanso o resultado era de 5 a 7. A segunda parte foi de dominio dos vascos ata que nos últimos minutos el pleno ataque do Universidade, unha reiteración de golpes fronte aos paus permitiron a Josh Hamilton transformar os 3 puntos que lle serviron ao equipo vigués para acadar o punto bonus.

A próxima fin de semana o Universidade viaxa á capital de España para enfrontarse ao Alcobendas, penúltimo clasificado da División de Honra.