DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No acto de apertura do curso 2010-2011 celebrado no campus de Ourense

Salustiano Mato demanda a consideración do sistema universitario como un obxectivo estratéxico para o desenvolvemento de Galicia

A empresa centrou a lección maxistral e a secretaria xeral presentou a memoria do curso pasado

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
DUVI 24/09/2010

No seu primeiro discurso de apertura do curso académico como reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, demandou dos gobernantes a consideración para o sistema universitario galego de obxectivo estratéxico para o desenvolvemento do futuro de Galicia. Unha solicitude que o reitor formulou tras incidir na necesidade de que a Xunta concrete un Plan de Financiamento para o período 2011-2015 e sinalar o investimento en I+D como unha “prioridade indiscutible” nos Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2011.

No acto de apertura de apertura do curso 2010-2011 na Universidade de Vigo, celebrado no salón de actos do Edificio Politécnico do campus de Ourense, a empresa e máis concretamente a información financeira e o goberno corporativo, centraron a lección maxistral impartida polo catedrático de Economía Financeira e Contabilidade, Miguel Ángel Crespo. Pola súa banda a secretaria xeral da Universidade de Vigo, Inma Valeije, deu conta da memoria do pasado curso na que sinalou os feitos máis destacados da actividade institucional, docente e investigadora do período docente 2009-2010.

A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o director xeral de I+D+i, Ricardo Capilla, así como representantes da clase política, económica e social de Ourense e Galicia, asistiron ao acto de apertura que tamén contou coa presenza do presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Emilio Atrio, e os vicerreitores de Estratexia e Planificación Económica da UDC, Ángel Fernández Castro e Persoal Docente e Investigador da USC, Carmen Fernández Morante, así como unha ampla representación da comunidade universitaria.

2009-2010, un curso de cambios

O 2009-2010 foi un curso de cambios para a Universidade e así o salientou a secretaria xeral, Inma Valeije, no resumo da memoria do curso, un percorrido polas cifras, actividades e feitos que caracterizaron o pasado ano académico. Novo reitor, novo Claustro, novo Consello de Goberno, novo logo e imaxe corporativa e moitos camiños por emprender, entre eles, o Proxecto do Campus do Mar, foron algúns dos fitos sinalados por Valeije que constatou que “a Universidade continúa a consolidar a súa capacidade competitiva e as súas actuacións de transferencia”. Entre as cifras destacadas fixo referencia á participación da institución en proxectos europeos por importe de 2.553.300 euros, mentres que as actividades de I+D contratadas supuxeron un total de 7.281.200 euros.

No campo das relacións institucionais, a secretaria xeral lembrou que o curso pasado foron 589 os estudantes da Universidade de Vigo que cursaron parte dos seus estudos noutros centros de educación superior europeos e un total de 471 alumnos e alumnas estranxeiros os que elixiron esta Universidade como destino. Tamén no eido internacional, Valeije subliñou que se asinaron un total de 384 acordos Erasmus con universidades europeas e xestionáronse 172 convenios internacionais. Nas actividades de extensión universitaria, fixo referencia á celebración do Congreso Mundial do Deporte Universitario, así como o 11º Campionato do Mundo Universitario de Taekwondo no que participaron delegacións de 48 países.

Segundo os datos da Memoria do Curso, a matrícula total do curso pasado ascendeu a 23.132 estudantes, dos cales 21.952 corresponden a centros propios e 1.180 a centros adscritos. Distribuídos por campus, houbo 4.575 no de Ourense, 3.548 no de Pontevedra e 12.142 no de Vigo.

A importancia da empresa

“A organización máis importante do mundo e a base do desenvolvemento de Occidente é a empresa”, en palabras de Micklethwait e Wooldridge. Con esta contundencia introduciu o catedrático de Economía Financeira e Contabilidade, Miguel Ángel Crespo, o tema da lección inaugural, na que fixo un percorrido pola relación entre goberno corporativo e información financeira da empresas. Nun momento de crise económica e convulsión internacional, Crespo Domínguez incidiu en que “non é suficiente a regulación, senón un proceso de formación persoal no que a autoconfianza, conseguida a través dunha boa aprendizaxe, sexa a mellor garantía de independencia e de ética no mundo dos negocios”. Neste sentido salientou o importante papel que desenvolven os docentes, “temos a obriga de formar e capacitar ao estudantado para mellorar e perfeccionar as súas capacidades e iso non é cuestión dun día”.

No que atinxe á información financeira, o conferenciante explicou que debe entenderse como a presentación e divulgación da información que, referente a unha sociedade mercantil, lles permite aos que a len e analizan tomar as decisións económicas pertinentes. “Pero a realidade económica mostra unha certa situación de pasotismo” algo xa se manifestou anos atrás dende un xornal estadounidense que publicou un artigo titulado Os 18 millóns de libros que ninguén le, en referencia aos documentos que as empresas emiten anualmente con este tipo de información.

Pero intimamente ligado á información financeira das entidades está o concepto do goberno corporativo, imprescindibles ambos para o bo funcionamento do mercado financeiro. O profesor Crespo explicou que o goberno corporativo “é a forma de goberno das sociedades mercantís nun contexto en que a súa propiedade está disociada da Administración ou, polo menos, compartida”.

Demanda dun Plan de Financiamento e aposta pola I+D

Como un curso “con expectativas de signo diferente, en parte animosas, en parte inquietantes” definiu o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, o ano académico que este venres foi inaugurado no campus de Ourense. Tras manifestar a súa preocupación polas consecuencias que a crise económica global están a ter no Sistema Universitario Galego, Mato demandou á Xunta de Galicia a concreción dun Plan de Financiamento para o período 2011-2015 no que se fomente un modelo de contrato programa por obxectivos de xeito que as universidades reciban fondos en función de resultados. Ademais o reitor reclamou que nos Orzamentos Xerais do Estado para 2011 o investimento en I+D+i sexa unha prioridade. “Non podemos deixar de investir en I+D se realmente queremos cambiar o noso modelo produtivo e facer do coñecemento a base do noso futuro, porque cada euro que se destina a investigación xera PIB, emprego e ingresos”, afirmou o reitor.

Referencia expresa realizou na súa intervención o reitor ao proxecto do Campus do Mar e asegurou que cara a súa avaliación por parte dunha comisión internacional o vindeiro mes de outubro para determinar a súa excelencia internacional, con independencia do resultado final que se acade na convocatoria “Campus do Mar será unha realidade que dá resposta á reclamación de Galicia e o Norte de Portugal, que demandan ao unísono a excelencia como unha fórmula vital para o progreso da humanidade”.

O campus de Ourense centrou boa parte da intervención do reitor da Universidade de Vigo que sinalou a informática, o termalismo, o turismo, o medio ambiente e a innovación social como elementos singulares polos que a Universidade de Vigo aposta para a súa consolidación, “en total harmonía coa cidade e a provincia”. As pistas deportivas, o campo de rubgy e a escola infantil foron as infraestruturas ás que o reitor aludiu como de próxima posta en servizo no campus ourensán, mentres que no de Pontevedra confirmou a inauguración da gardería o vindeiro mes de xaneiro e manifestou a súa expectativa de que este curso sexa o definitivo para desatascar as barreiras do Edificio das Artes, así como a posta en servizo da residencia de estudantes. Xa no campus de Vigo, Mato, confirmou o inicio das obras de construción da escola infantil e rematase o novo CACTI e iniciarase a construción do Centro de Investigación Biomédica, Cinbio.

Tras manifestar o seu compromiso para esforzo para acadar unha maior estabilización laboral, sobre todo do persoal investigador, “porque non se pode desperdiciar unha gota de talento”, Mato animou a toda a comunidade universitaria a seguir traballando na mesma liña que nos últimos anos e felicitou aos integrantes do campus ourensán que “día a día se afianza como un exemplo a seguir para o Sistema Universitario de Galicia”, asegurou.

O reitor pide á Xunta a concreción dun Plan de Financiamento con fondos en función de resultados

2009-2010, un curso de cambios e novos proxectos

Miguel Ángel Crespo:“A organización máis importante do mundo e a base do desenvolvemento de Occidente é a empresa”