DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor vigués avogou na súa alocución pola estabilidade orzamentaria e a especialización

Salustiano Mato pon ás universidades galegas ao servizo da sociedade en tempos de crise

Demandou investir recursos para dispoñer da mocidade mellor formada

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 16/09/2011
Como voceiro dun Sistema Universitario Galego (SUG) “único, forte, equilibrado e competitivo”, o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, afondou no seu discurso de apertura do curso 2011-2012 na obriga das institucións académicas de formar persoal cualificado, de apostar pola excelencia investigadora e de promover un tecido empresarial que facilite “aos nosos profesionais que poidan exercer a súa actividade no país”. Para Mato nun escenario marcado pola crise económica e nun mundo que muda cunha rapidez inaudita, cómpre investir recursos na educación superior para dispoñer da mocidade mellor formada que aplique o seu coñecemento e realice a súa investigación en Galicia que considera o reitor “non debe seguir alimentando a emigración de baixo custo como fixo no pasado porque conta con recursos humanos altamente cualificados”.

Lonxe de ser unha escusa para a parálise, a incerteza do momento actual debe, segundo o reitor da Universidade de Vigo, fomentar a busc a de solucións imaxinativas. “Aí é”, dixo Mato, “onde os gobernos deben esixirnos que axustemos plans formativos que con enxeño permitan ver máis aló, que se adianten e preparen para os cambios sociais intuíndo e xestando solucións non só creativas, senón tamén xustas. Esa é a nosa misión”. Un obxectivo para o que o reitor da Universidade de Vigo demandou un plan de financiamento baseado na distribución de fondos en función de resultados, un mapa de titulacións que dea resposta ás necesidades reais da sociedade e unha firme aposta pola ciencia e tecnoloxía para xerar innovación “coa complicidade das administracións e os sectores produtivos”.

Estabilidade orzamentaria e universalidade

A estabilidade orzamentaria e a universalidade, son para o reitor da Universidade de Vigo dúas cuestións capitais neste intre para garantir a desenvolvemento do SUG. “Consideramos desde as institucións académicas que o importante é crecer, si, pero axustando o gasto á estabilidade orzamentaria”, asegurou Mato para quen “nunca se sacrificará a estabilidade orzamentaria se se aposta polo gasto produtivo”. Aínda que en España o gasto público en educación superior, en relación ao gasto público total (2,5%), sitúase por debaixo das medias da UE (2,9%) e da OCDE (3,1%) e as universidades víronse obrigadas nos últimos anos a recortar os seus orzamentos, o reitor da Universidade de Vigo, confirmou que “as universidades seguiremos a actuar coa responsabilidade que se nos esixe e que nós mesmas nos demandamos”.

Parte importante dese traballo que desenvolve o SUG e tamén o seu alumnado ten lugar no estranxeiro, xa que para Mato “a universalidade constitúe o ADN das universidades, ampliando fronteiras do coñecemento, buscando solucións e achegando descubrimentos que conforman o motor da creación directa de empresas e da posta en marcha de iniciativas pioneiras”

Internacionalización e especialización

Os campus de excelencia internacional, Campus do Mar e Campus Vida e a oficina propia coa que as universidades galegas contan en Bruxelas para a xestión e captación de recursos, foron os exemplos citados por Salustiano Mato para incidir na importancia da internacionalización do SUG. Un Sistema Universitario Galego que debe, en opinión do reitor da Universidade de Vigo, procurar a especialización. Neste sentido Mato empregou como exemplo á Universidade de Vigo “na que traballamos na diferenciación dos nosos campus. Así o de Ourense especializarase na auga; Pontevedra nos eidos forestal, deportivo e creativo, mentres en Vigo afondarase na transversalidade do Vigo tecnolóxico e a sede de cooperación do campus de excelencia internacional no ámbito mariño”.

Un traballo de especialización que sen embargo non é incompatible con accións conxuntas, establecendo alianzas estratéxicas como a que se formalizará coa constitución da Asociación de Universidades do Noroeste Peninsular no marco da macro rexión RSOE.

Faros que iluminen ás novas xeracións

Convencido de que “cada euro investido nunha universidade xera accións encamiñadas á creación de desenvolvemento económico e, polo tanto, de emprego”, o reitor Salustiano Mato, lembrou a inclusión da Universidade de Vigo, por primeira vez na súa historia, no Shangai Ranking, entre as cincocentas mellores universidades do mundo.
Pero máis alá dos rankings, o reitor incidiu na importancia das actuacións diarias e da necesidade, nun presente incerto, de que universidades, administracións e empresas asuman compromisos. “Debemos ser como faros que iluminen a eses máis de 70.000 mozos e mozas que nos vindeiros meses cursarán as nosas titulacións e moi especialmente a eses máis de 10.000 que se estrean estes días nalgunha das tres universidades galegas”, dixo Mato.

Un plan de financiamento baseado na distribución de fondos en función de resultados, un mapa de titulacións que dea resposta ás necesidades reais da sociedade e unha firme aposta pola ciencia e tecnoloxía para xerar innovación “coa complicidade das administracións e os sectores produtivos”, son para o reitor vigués precisos para que o SUG sexa quen de cumprir a súa misión. Mato comprometeu o traballo conxunto das tres universidades para acadar “amplas e mellores cotas de progreso para o noso país e conseguir un futuro máis luminoso”.

Discurso de apertura do curso 2011-2012 do reitor da Universidade de Vigo