DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na clausura da 2ª edición do Máster en Comercio Internacional

Salustiano Mato propón a Empresariais converterse nunha Facultade de Comercio “singular e internacional”

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, apadriñou os 29 novos titulados

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 23/06/2010
“Singular e internacional” estes foron os adxectivos que empregou o reitor Salustiano Mato para referirse a oferta académica que debe liderar a actual EU de Estudos Empresarias, unha escola cunha tradición potente que en breve se converterá en Facultade de Comercio, “o que significa, unha aposta importante por algo que é moi necesario nestes intres, a singularización” salientou o reitor na clausura da 2ª edición do Máster en Comercio Internacional, un acto no que recibiron a banda 29 novos titulados e tituladas que tiveron a oportunidade de recibir os primeiros consellos da man do seu padriño, o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra; do alcalde, Abel Caballero; do director da escola, Patricio Sánchez e do coordinador do mestrado, Antonio Vaamonde.
Mato, que ratificou o seu apoio ao novo Grao en Comercio, aproveitou a ocasión para convidar aos docentes do centro a asumir un novo reto, “porque xa estades preparados para mergullarvos nel”, insistiu, “que é internacionalizar o propio Máster de Comercio Internacional, porque internacionalizar é o obxectivo principal desta nova singradura que inicia a Universidade de Vigo”, unha Universidade que, segundo subliñou, conseguiu en moi pouco tempo ser claramente innovadora e está xa preparada para dar un paso máis e avanzar no eido internacional “e que mellor forma de facelo ca a través do prestixio da oferta académica e da internacionalización dos seus mestrados”.
Co Grado de Comercio complementado e estendido co Máster Profesionalizante en Comercio Internacional a escola con sede na cidade viguesa lidera unha oferta académica única en Galicia, “unha auténtica fortaleza dentro do sistema universitario galego”, insistiu o reitor, que, se ben admitiu que “estamos en momentos de crise”, non deixou de animar aos novos titulados, a quen lles insistiu en que “podemos converter as dificultades en oportunidades, se pensamos nunha palabra clave que é a cooperación, a alianza estratéxica”, insistiu, ao tempo que lles desexou un “feliz futuro”.

Javier Guerra anima aos titulados a “emprender”

Arroupados por familiares e amigos, os novos titulados –maioritariamente mulleres-, recibiron con ilusión os consellos do seu padriño, o conselleiro Javier Guerra, quen, ademais de darlles a noraboa pola opción de formación elixida -“a actual conxuntura económica demostrou que a maior preparación menor crise”- non dubidou en darlles numerosos consellos, entre eles, non ter medo ao erro, “hai que asumilo como parte da vida, o que nos interesa é xente que marque a diferenza” e pór en marcha ás ideas emprendedoras.
Nesta liña de axuda ao emprendemento, sinalou que o executivo galego se marcou como obxectivo “pasar dunha economía subvencionada a outra na que o que se prime sexa a internacionalización e a innovación”, polo que, adiantou, “de aquí a 2014 queremos que o 60% dos recursos do Igape vaian precisamente destinados a estas cuestións”.
Botando unha ollada ao pasado, Guerra, que comparte profesión co alumnado graduado, lembrou tamén a dualidade do comercio galego, que se divide entre grandes empresas “excelentes” –exemplificando co exemplo de Inditex- e toda unha rede de pequenas empresas “as que tedes o reto de transmitirlle tamén esta cultura”.En relación tamén ao tecido empresarial galego o alcalde, Abel Caballero, felicitounos en nome de toda a cidade, a que se referiu como líder en comercio internacional “levamos anos facendo coches e barcos para todo o mundo ou exportando granito aos cinco continentes, por citar só dous exemplos”, insistiu. “Tendes os coñecementos, a contorna necesaria, o entusiasmo e a forza, seguide por aí”, recalcoulles.

Éxito laboral da 1ª promoción

Dende a escola, Patricio Sánchez e Antonio Vaamonte, salientaron as boas expectativas laborais destes profesionais, “a primeira promoción saíu á rúa no peor ano da crise e xa está toda colocada”, subliñou o coordinador do mestrado, quen lembrou que o Comercio Internacional é unha das profesións máis antigas, “que vender, a quen, onde e como seguen sendo as claves dunha profesión que xa existía hai tres mil anos, a única diferenza é que o mundo actual é moito máis competitivo”, insistiu.
Tras a imposición de becas e entrega de diplomas e da orla a cada un dos egresados, o acto rematou coa actuación do Coro Universitario, que interpretou unha obra do renacemento veneciano, a adaptación de Mary Poppins estreada na toma de posesión do novo reitor, e o tradicional Gaudeamus Igitur.