DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As universidades galegas recibirán 390 millóns de euros para o ano 2011

Salustiano Mato valora positivamente os orzamentos da Xunta

Aínda así, o reitor considera que será “o ano máis difícil economicamente da historia da Universidad

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 18/10/2010
A Xunta de Galicia transferirá ás universidades galegas 390 millóns de euros para o ano 2011, unha cifra que o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, cualificou como “unha boa noticia”, xa que “confirma o compromiso do presidente, Alberto Núñez Feijóo, coas universidades galegas”, se ben salientou que “non nos exime nin nos libra de que o 2011 sexa o ano máis difícil economicamente da historia da Universidade, pero agora, cando menos, poderemos enfrontalo”, salientou nada máis coñecer a cifra global que se repartirá entre as tres universidades do sistema universitario galego.

“A cifra supón tecnicamente unha conxelación dos orzamentos”, subliñou Mato, ao tempo que explicou que “estamos lonxe do recorte medio previsto para este ano, que é dun 10%”. Nesta liña tamén dende o executivo galego se destacou a “aposta estratéxica” por “manter” as partidas respecto ao ano pasado “a pesares da crise económica.”

Este xoves reunión da comisión para fixar os criterios de reparto

As consellerías de Educación e Ordenación Universitaria e de Facenda pactaron dita cantidade nunha reunión celebrada en San Caetano a semana pasada á que asistiu o vicerreitor de Economía e Planificación, Xosé Manuel García, xunto aos seus homólogos das outras universidades galegas e ao persoal da Xunta.

Tra acordar a cifra global para 2011, este xoves volveranse a reunir para seguir traballando na definición dos criterios de reparto. “Ata agora houbo que pelexar para que nas cantidades globais se sufrira o menos posible dentro das circunstancias económicas actuais”, salientou o reitor vigués, “agora toca ver como será o plan de financiamento”, un plan no que a Universidade de Vigo loitará por conseguir que este financiamento se outorgue en función dos resultados e do cumprimento de obxectivos, tal como lembrou Mato. “Todo indica imos por esa vía”, indicou, “estámonos achegando a indicadores e a criterios que buscan premiar a eficiencia e a consecución de resultados que nos acheguen a eses obxectivos”.

En relación a estes novos criterios de reparto, a Comisión de Financiamento acordou xa en pasados encontros que o 5% do total se destinará a Financiamento por Resultados, e repartirase en base ao Panel de Indicadores adiantado no encontro do pasado 11 de outubro. Doutra banda, outro 5% irá a parar ao financiamento por Mellora da Calidade; e o 90% restante, destinado a Fondo Incondicionado e complementos, repartirase de acordo con novos criterios xerais e estruturais, que serán determinados nas próximas reunións entre Xunta e universidades.