DUVI

Diario da Universidade de Vigo

San Isidoro volve á Facultade de Filoloxía e Tradución cunfa xornada de festa rachada

Despois de varios anos o centro volve a celebrar o seu patrón

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 24/04/2008

Despois dunha semana de actividades previas, a festa de San Isidoro de Sevilla volveu á Facultade de Filoloxía e Tradución logo de varios anos sen celebrar o patrón do centro.
Paralelamente aos concertos e os torneos de tute, trivial e Proevolution Soccer e obradoiros de globoflexia, maquillaxe e cariocas a gran novidade do San Isidoro’08 foi a entrega dos premios Laranxa & Limón aos profesores das catro titulacións do centro.
A xornada festiva comezou na cafetería da facultade cos degustación de tapas variadas que deron paso ao comezo dos torneos e campionatos. A primeira hora da tarde, no patio do centro desenvolvéronse os obradoiros e globoflexia, maquillaxe teatral e cariocas impartidos polos propios alumnos e o concurso de micrófono aberto, onde os asistentes puideron optar entre os chistes, os contacontos, as improvisacións e mesmo algúns se animaron a cantar.
Con todo, para animar a celebración a tarde contou a actuación de catro grupos de diversos estilos musicais como foron O Leo i Arremecaghona, Os Sosios, Bajo Zero Estudios & 37 Estudios e Ganjahr Family Backed by Kinki Reggae Clube e, xunto con eles houbo durante o serán zancudos e animacións de rúa.

Entrega dos premios Laranxa & Limón

Unha das actividades que máis expectación levantou da xornada foi a entrega dos premios Laranxa & Limón entre os docentes das titulacións que se imparten na facultade. Os organizadores da festa distribuíron cartolinas nos baños do centro e un furna na cafetería que estivo aberta durante a semana pasada e, deste xeito, os propios estudantes elixiron aos profesores máis e menos populares. Os galardoados cos premio Laranxa foron Luis Alonso Bacigalupe, de Tradución e Interpretación, Teresa Caneda, de Filoloxía Inglesa, Anxo Angueira, de Filoloxía Galega e Carmen Becerra, de Filoloxía Hispánica. Os alumnos outorgaron tamén un premio Pomelo a Jesús González Maestro, que segundo Ester García, membro da organización, “recibiu tantos votos para ser premio Laranxa como Limón”. Como sorpresa, os estudantes decidiron outorgar tamén un premio Fresa a Paloma, encargada da cafetería da facultade “polo seu traballo e por aguantarnos todas as mañás”.
Ademais, temén aproveiraton a ocasión para entregar os premios aos gañadores do compionato de tute e trivial.

Un mercado de libros, antesala da festa

Ao longo de toda a semana e coincidindo coa celebración este mércores do Día do Libro, a programación de San Isidoro’08 incluíu un pequeno mercado de libros. Os que se achegaron ao posto durante estes días cun libro puideron intercambialo por outro volume a elixir entre unha escolma de publicacións cedidas na súa maioría por docentes e estudantes da facultade. Xunto con manuais relacionados coa filoloxía ou a tradución, estes curioso mercado ofreceu tamén novelas, libros de ficción ou guías. A organización da festa amosouse moi satisfeita polo acollida xa que “foron moitos os que, dende o luns pasaron por aquí para intercambiar lecturas. Agora o que temos que pensar é que facer cos libros cos que quedamos hoxe, pero barallamos a idea de empregalos nun novo mercado de intercambio o vindeiro curso, se conseguirmos organizar San Isidoro’09, que é a nosa intención”.