DUVI

Diario da Universidade de Vigo

San Teleco quenta motores cunha serie de actos previos

Torneos e monólogos dentro do programa

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
DUVI 06/11/2007
Romina Vázquez | Vigo
San Teleco, patrón da E.T.S.E. de Telecomunicación, será festexado o próximo 16 de novembro, pero mentres non chega ese momento os alumnos poden ir quentando motores a través da participación en eventos deportivos, xogos de naipes, torneos virtuais ou o xa tradicional concurso de monólogos, que se celebrará o día previo á festividade e no que participarán alumnos de diferentes escolas e facultades. Deste xeito os que se atopen en plena forma terán a oportunidade de demostrar as súas cualidades en partidos de fútbol 7, fútbol sala e baloncesto 3*3, actividades que se desenvolverán nos campos de herba sintética e no pavillón polideportivo do campus. Mentres, aqueles que prefiran actividades máis relaxadas teñen á súa disposición os torneos de mus e tute e os virtuais cos xogos de Pro evolution soccer (PRO), Tekken, Dance Dance Revolution (DDR) e Guitar Hero.
Ó mesmo tempo que San Teleco é un día de diversión e esparexemento para os universitarios tamén é aproveitado polos grupos musicais que nel participan como unha plataforma de lanzamento, de feito máis de trinta formacións tomaron parte no proceso de selección que se realizou en setembro e outubro. Só os que resultaron seleccionados actuarán o 16 de novembro no festival que comezará no centro comercial do campus trala lectura do Pregón e que se prolongará ata as 19:30 horas.

Servizo especial de trens

Contando con este extenso conxunto de actos non é de estrañar que San Teleco sexa unha festa recoñecida por universitarios e estudantes de toda Galicia, e como medida para facilitar a súa mobilidade dende outras cidades ata o campus vigués haberá un reforzo dos trens desde A Coruña e Santiago, así como un servizo especial na madrugada do venres ó sábado.