DUVI

Diario da Universidade de Vigo

San Teleco trae ao campus de Vigo estudantes de toda Galicia

A praza da Cidade Universitaria queda pequena para acoller aos centos de mozos que acudiron á festa

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 16/11/2007

A praza da Cidade Universitaria quedou pequena para acoller os centos de estudantes que este venres se achegaron ao campus de Vigo con motivo do San Teleco, un encontro que curso a curso se está a converter nun referente das festas universitarias.
Música e troula, unidas ás excelentes condicións meteorolóxicas do día, garantiron a diversión a todos os que alí se achegaron.
La Vaga Banda, wÖw, Nenö, Groove Addiccion e Kinki Regga foron os grupos encargados de pórlle música ao día. A súa selección non foi ao azar, tiveron que pasar un “casting” entre máis de trinta grupos locais. Comezaron a mediodía e a xornada quedou escasa para tanto concerto. “O cartel está ben, pero para min isto non é o máis importante, o mellor é que hai moita xente e a festa está xenial”, comentaba un dos estudantes. “Eu non son estudante da Universidade, estou a facer un ciclo superior, pero esta é moi boa ocasión para achegarme ata aquí”, continuou.

Unha xornada “en pé”

Pero non todo ía ser música, os mozos, que comezaron a chegar a primeira hora da mañá, contaron con diferentes stands con bebida e comida que os axudase a “aguantar toda a xornada en pé”, como comentaba un dos asistentes.
“Hai moita xente e vendemos de marabilla tanto as bebidas como os bocadillos, fixemos arredor de cincocentos e agardamos vendelos todos”, comentaba Jorge ao fronte dunha das barras. “Tamén vendemos moitas entradas para as festas de pola noite, xa dende pola mañá, pero sobre todo a partir das catro da tarde”, comentaba Marina, outra das vendedoras.
O amplo número de mozos no campus trouxo consigo o reforzamento das medidas de seguridade, tanto da Universidade como dos organizadores do encontro. Ademais estivo presente un equipo de voluntarios de primeiros auxilios, así como Protección Civil.
As camisetas verdes co logotipo de San Teleco serviron de símbolo identificador ás máis de trinta persoas repartidas por toda a zona Miralles que formaban parte do equipo organizador. Con ocupacións en seguridade, venta e barra, estes estudantes da ETSE de Telecomunicación tiveron unha xornada de festa bastante atarefada.
Unha vez rematadas as celebracións no campus, a festa continúa no centro de Vigo. Quomo, Modo e Albedrio son os lugares elixidos pola organización. Por dous euros máis, a algarabía pode prolongarse ata ben entrada a xornada do sábado.

Dúas semanas de actos

As celebracións do patrón da ETSE de Telecomunicación intensifícanse cada curso. Se nun principio os actos se cinguían ao propio día da festa, ano a ano as actividades arrancan antes. Nesta edición os torneos deportivos, que se iniciaron o 5 de novembro, supuxeron o comezo de dúas semanas cargadas de actividades: futbol 7, futbol sala, baloncesto, torneos de naipes ou mesmo torneos virtuais: Pro evotion soccer, Tekken, Dance Dance Revolution ...