DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No ciclo "Universium"

Santesmases demanda a renegociación do Concordato entre estado e Santa Sé

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría DUVI 08/11/2007

A renegociación do Concordato entre o estado e a Santa Sé, é segundo Antonio García Santemases unha prioridade e como tal debería terse producido antes, por exemplo, da aprobación da lei que regula os matrimonios homosexuais. O filósofo e político que centrou a súa intervención no ciclo Universium en Relixión e espazo público, afirmou que cada vez será máis dificil afrontar co Vaticano, unha renegociación que permita rematar nun estado aconfesional, por exemplo, coa dualidade que existe no ensino, que desvirtúa a idea de escola pública.
Tras a presentación realizada por José Manuel Baltar, secretario do Parlamento de Galicia, García Santesmases comezou a súa intervención centrándose no concepto de cidadanía que dixo "debemos entender como algo distinto a ser un súbdito, de xeito que o individuo sexa partícipe da sociedade e participe de dereitos e liberdades como a de conciencia ou de expresión". O político de filósofo remontouse á República para falar do primeiro liberalismo, que abogaba pola separación de estado e igrexa, pero que quedaría sepultado pola Guerra Civil. Non foi ata a redación da actual Constitución cando o estado pasa a definirse como non confesional.

Aconfensionalidade e educación para a cidadanía

García Santesmases que se referiu ao modelo francés e a utilización da relixión que os emigrantes fan como un feito diferencial, fronte o modelo de integración, afirmou que no caso de España "imos da aconfesionalidade ao multiconfesionalismo".
Sobre o enfrontamento que a asignatura de educación para a cidadanía está a provocar entre o goberno socialista e a igrexa, Santesmases considera que está causado "por que entra de cheo no nucleo duro da relixión. Ten que ver coa interpretación que fan da natureza humana, o ben o mal, etc". O filósofo considera que nos atopamos ante un problema sen solución xa que "o que para uns é o exercicio dos dereitos do individuo, para outros trátase dunha aberración totalitaria". Aínda así, afirma que existen puntos de encontro entre os pensamentos laico e relixioso que deberan ser explotados.


Universium supera o ecuador

Despois das catro primeiras sesións, Universium reanuadará a súa actividade a vindeira semana. O luns o profesor de Pensamento Moderno da Universidade de Aberdeen, Alberto Moreiras falará sobre Transculturación e conciencia dobre. Ao día seguinte o profesor de filosofía da Universidade de Barcelona, Felipe Mártinez Marzoa ofrecerá unha intervención titulada De poder e dereito. O peche do ciclo correrá a cargo do Director da Escola de Periodismo UAM/El País, Joaquín Estefanía cun relatorio sobre Poder político e poder económico.