DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ana Cebreiros estuda a historia desta rama da Falanxe

A Sección Feminina estaba lonxe do ideal de muller que predicaba

A investigadora participa esta semana nas xornadas 'O Franquismo en Galicia'

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 21/06/2012

Eran mulleres maioritariamente solteiras, que traballaban ocupando cargos institucionais, que se relacionaban no seu traballo con homes, que viaxaban e sobre todo que incumprían o ideal de muller, “perfecta raíña da casa”, que elas mesmas querían crear na sociedade. Eran as afiliadas á chamada Sección Feminina da Falanxe, que desde 1934 e ata o fin do franquismo formaban e educaban ás mulleres no ideario do réxime. A investigadora da Universidade de Vigo Ana Cebreiros estuda a historia desta organización en Galicia, nada a imitación doutros estados fascistas europeos para “reconducir o modo de ser e vivir” das mulleres.

Da historia da Sección Feminina Ana Cebreiros, convidada nas Xornadas O Franquismo en Galicia. Cine, Política e Sociedade. Consentimento e Consenso na Ditadura que acolle esta semana o campus de Ourense, salienta que naceu en 1934 como rama da Falanxe e que permaneceu operativa ata 1977, dirixa en todo ese período por Pilar Primo de Rivera, irmá do fundador da Falanxe. “Ao principio funcionaba como unha rede de apoio aos presos do partido e aos seus familiares. Logo, durante a Guerra Civil, aglutinou o traballo das mulleres na zona nacional, recollendo roupa, recadando diñeiro, atendendo hospitais e incluso indo ao fronte para realizar labores de coidado e sanitarias. Trala Guerra, Franco deulle as competencias de formación e educación no ideario do réxime, implicándose nos plans de estudo educativos e no chamado servizo social”, explica Cebreiros.

De avanzadas ao seu tempo a mulleres doutra época

O ideal que durante case corenta anos promulgaron estas mulleres era o “dunha muller tradicional, educada para ser filla, esposa e nai", para ser “a raíña da casa”, dedicada aos traballos do fogar e ao perfecto coidado de fillos e home. "Pero curiosamente, este modelo de familia entra en contraste claro co que logo elas facían coa súa propia vida, pois como membros activos da rama feminina da Falanxe elas traballaban fóra do fogar, ocupaban cargos con responsabilidades, viaxaban, eran solteiras, etc.”, apunta a investigadora. A este contraste entre o predicado e o que elas mesmas eran súmase, explica Cebreiros, a ironía de que durante os primeiros anos do franquismo a sociedade receaba delas por ser consideradas mulleres avanzadas ao seu tempo e nas últimas décadas eran un modelo de muller do pasado.

“Antes da Guerra Civil a organización era moi minoritaria, durante o conflito bélico tivo un impulso impresionante e ao seu remate a afiliación estancouse ata a morte da Sección Feminina coa democracia”, apunta Ana Cebreiros. Sobre o número de mulleres que puideron formar parte desta entidade, a investigadora chama a atención sobre a dificultade para ter datos fiables, pola desaparición de arquivos e polo estado dos existentes. Como cifra de referencia sinala que no caso de Ourense entre 1936 e 1959, o período de máximo apoxeo, o número podía ascender ata 1950 a unhas 1500 persoas. “O seu perfil era de mulleres máis urbanas que rurais, de estudos medios e clase media-alta, que entraban na organización de mozas e que estaban nelas toda a vida e que en caso de casar abandonaban a Sección”, salienta.

Entre estas mulleres que participaron na Sección Feminina, a investigadora chama tamén a atención sobre as galegas que desde o principio estiveron na súa organización no ámbito nacional ou se incorporaron a ela ao longo das súas décadas de existencia, como é o caso de Mª Victoria Eiroa. Mentres investiga nos arquivos de Pontevedra, Lugo e A Coruña para realizar a súa tese doutoral neste eido, Cebreiros apunta que a afiliación parece que foi meirande nas vilas grandes e cidades, sendo máis anecdótica no ámbito rural e moi vinculada nestes casos á forza da propia Falanxe nese lugar.