DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Presentación do novo Plan Nacional de I+D+i 2008-2011

O secretario xeral de Política Científica e Tecnolóxica destaca o papel das universidades e das comunidades autónomas para situar a España na vangarda do coñecemento

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 05/11/2007

"A intención deste novo Plan Nacional non é ser máis do mesmo e para iso esixe a complicidade das universidades e as Comunidades Autónomas, xunto coa administración pública e o sector privado”. Así explicou o secretario xeral de Política Científica e Tecnolóxica a necesidade de cooperación e cohesión que demanda o Plan Nacional de I+D+i 2008-2011 para a consecución dos seus obxectivos. Francisco Marcellán, que estivo acompañado polo Reitor, Alberto Gago, expuxo, como o ven facendo en todas as universidades públicas do Estado, as novidades deste plan, os seus obxectivos, prazos e estrutura.
Segundo salientou secretario xeral, a Estratexia Nacional de Ciencia e Tecnoloxía e o novo Plan Nacional marcáronse “seis obxectivos que son de sentido común”. Por unha banda, preténdese situar a España na vangarda do coñecemento, para deixar atrás situacións de dependencia, promovendo un tecido empresarial altamente competitivo e desenvolvendo unha política integral de ciencia, tecnoloxía e innovación. Marcellán destacou tamén entre os obxectivos o avance na dimensión internacional como base do salto cualitativo no sistema, a creación dun contorno favorable á inversión en I+D+i e o fomento da cultura científica e tecnolóxica na sociedade.

As cifras do Plan Nacional de I+D+i 2008-2011

Para a consecución destes obxectivos, “a estratexia nacional ten indicadores que pretenden situar a España no contexto internacional”, subliñou. Destas cifras e indicadores, Francisco Marcellán referiuse ao gasto interno en I+D, que debería situarse no 2.2 % do PIB, ou o gasto en innovación arredor do 3%. Por outra banda, tamén destacou a necesidade do aumento do número de investigadores no sector empresarial e do número de doutores. Para isto, salientou o papel principal que teñen as universidades xunto co das Comunidades Autónomas, a apostou por “incrementar a cooperación coa Administración Xeral do Estado apra evitar a dispersión e buscar a cohesión e a coordinación para acadar os obxectivos de I+D+i”.
No que se refire aos orzamentos, o secretario xeral de Política Científica e Tecnolóxica anunciou que o financiamento “para o período 2008-2011 será de 47.000 millóns de euros, o que supón un incremento do 40% con respecto ao plan anterior. O incremento da inversión estatal en I+D duplicouse con respecto ao período 2004-2007”. De cara ao futuro, apuntou a cifra de 2.5 % do PIB na inversión en I+D en 2015.
No que se refire ao número de investigadores, Marcellán explicou que para o 2011 deberíase chegar ao 7,1 por cada mil habitantes, mentres que para o 2015 esta número debería crecer ata acadar os 8 por mil. “Pero debemos ter estruturas capaces de absorber a estes investigadores, polo que se volve a facer necesario o compromiso do Estado, o sector privado, as Comunidades Autónomas e as universidades”.
Na súa exposición, Francisco Marcellán tamén se referiu aos proxectos de investigación. Segundo apuntou, o número de iniciativas de investigación financiadas polos ministerios sitúase nos 7600, sendo o financiamento medio por proxecto de 132.000 euros, “cando en 2002 era de 89.000€”.

Novidades

Entre as novidades que presenta este Plan Nacional de I+D+i 2008-2011, Marcellán salientou os cambios a nivel estrutural. “Ata agora os plans articulábanse arredor de eixos temáticos, mentres que este define catro áreas e seis liñas instrumentais”, explicou. Estas seis liñas comprenden os recursos humanos, os proxectos de I+D+i, o fortalecemento institucional, as infraestruturas científicas e tecnolóxicas, a utilización do coñecemento e transferencia tecnolóxica e a articulación e internacionalización do sistema.
Estas seis liñas xerais comprenden un total de 13 programas, entre os que destacan como novidades o programa Severo Ochoa, no referente aos recursos humanos, o programa de fortalecemento institucional ou o programa nova empresa innovadora.
No que se refire á xestión, Marcellán anunciou a creación dunha “ventanilla única” que facilitará os trámites na busca da simplicidade. A xestión realizarase a través dunha páxina web, sendo o seu uso obrigatorio a partir de 2009.
Para combater a dispersión, realizarase unha convocatoria anual por programa, o que n on superará un total de 20, “deixando atrás as máis de 100 anuais que se facían ata agora”, subliñou.