DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial comezarán o 15 de novembr

O sector empresarial aumenta significativamente a súa participación na cuarta edición das JAI 2010

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 28/10/2010
O crecente interese do sector empresarial galego polas Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial, JAI 2010, queda patente na súa cuarta edición ao igualarse por primeira vez o número de estudantes e de representantes deste ámbito. En cifras globais, os relatorios, que se celebrarán do 15 ao 19 de novembro no Centro Social Caixanova, contarán coa participación de preto de corenta docentes da Universidade, máis de douscentos alumnos e outros tantos profesionais do sector. “Estes datos poñen de manifesto a relevancia das xornadas, o que nos permite achegarnos a un dos obxectivos que nos propuxemos dende o comezo: lograr a paridade na presencia do alumnado e da empresa”, explica o profesor José Ignacio Armesto, coordinador do evento.

As JAI, que contan co patrocinio de institucións e entidades como o Igape, a Xunta, o Porto, o Ministerio de Educación ou Caixanova, están orientadas á difusión, formativa e informativa, das innovacións e dos avances das tecnoloxías da automatización industrial. “Estamos moi contentos porque o número de entidades interesadas en prestarnos a súa axuda e os seus recursos foi medrando ano tras ano”, apunta Arnesto.

Un programa moi variado

Grazas ao importante esforzo que os organizadores das xornadas están a facer, o acto de apertura das JAI 2010 contará con representantes da vida social e empresarial da cidade, pasando a ter deste xeito, “un ton moito máis divulgativo”, segundo palabras de Armesto.

A xestión da agua, da enerxía e do medio ambiente; a automoción; a robótica industrial e a soldadura láser son algúns dos temas que se tocarán ao longo das trinta horas de conferencias programadas. “Contaremos con máis de corenta relatores do máximo nivel, que nos traerán todas as novidades do sector”, apunta o coordinador.

Entre os relatorios previstos, Armesto destaca o que ofrecerá o 18 de novembro Manuel Montes, pertencente ao grupo Desarrollanet, responsable do control de acceso ás xornadas. Trátase dunha empresa galega especializada en eventos de máxima seguridade que na actualidade está desenvolvendo o tema do recoñecemento de caras en colaboración co Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, Gradiant. “Este é un perfecto exemplo da denominada transferencia de coñecemento, pois dende o mundo académico estáselle a ofrecer a esta empresa tecnoloxía que a converte en punteira no sector”, explica Armesto.

Innovación ata na promoción

As ferramentas da Web 2.0, como Facebook, LinkedIn, Youtube a a propia Uvigo TV son algunhas das canles utilizadas para promocionar as xornadas. “Queremos darlle visibilidade ao evento dende todos os puntos posibles”, explica o profesor Armesto, que engade que “cónstanos que este tipo de difusión está funcionando para chegar tanto aos alumnos como aos profesionais”.

Os organizadores do evento buscaron tamén a colaboración dos alumnos de Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra para a creación de dous vídeos promocionais que se están a difundir a través de Youtube e de Uvigo TV.


Preme aquí para descargar a rolda de prensa e os vídeos promocionais.