DUVI

Diario da Universidade de Vigo

ENVITE, presidida por Enrique Valero, organiza unha xuntanza para empresas e grupos de investigación

O sector forestal galego busca inspiración nas novas estratexias medioambientais da UE

Ao longo da xornada tentarán detectar as futuras liñas de financiamento e de negocio verde

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijóo DUVI 22/10/2012

Co propósito de achegar a industria forestal galega ás novas políticas que se están a debater a nivel europeo, a Plataforma Galega Tecnolóxica de Medioambiente, ENVITE, presidida polo director da Escola de Enxeñaría Forestal, Enrique Valero, organiza para finais de outubro unha xuntanza que reunirá a empresas e grupos de investigación do sector para debullar as futuras liñas estratéxicas e de financiamento da Unión Europea nesta materia. “Trátase dun encontro de obrigada asistencia no que se van a ofrecer as primeiras directrices para o novo escenario forestal que se está trazando dende Europa”, explica o propio presidente de ENVITE, unha plataforma que "en certa medida sempre foi dirixida dende a Universidade de Vigo”, matiza, pois o seu anterior director fora o reitor Salustiano Mato.

Segundo o profesor Valero, o eido agro-forestal está considerado como un sector estratéxico para a comunidade autónoma “tanto dende o punto de vista produtivo como económico” polo que cre imprescindible que unha plataforma da envergadura de ENVITE, con máis de 130 empresas e 74 grupos de investigación asociados, promova actividades de difusión “para ver capacidades, pór ao día temas de actualidade, crear sinerxías…”. Ao longo da xornada, á que tamén se uniron a Plataforma Tecnolóxica Galega da Madeira e a Forestal Galega, daranse a coñecer as principais iniciativas europeas de carácter medioambiental, como a redacción da nova estratexia forestal europea “que vai marcar o futuro das próximas décadas da UE”; as modificacións da Política Agraria Común, PAC, para 2013; as cuestións legais e normativas que afectan ao comercio e á industrial, tales como a Legally Binding Agreement e o proceso Forest Europe; e o papel dos bosques na bioeconomía, “un principio inspirador cara o que vai xirar a política do futuro en todos os sectores, unha economía baseada nun crecemento intelixente, sustentable e inclusivo, isto é, que teña en conta a súa contorna social e territorial”, aclara Valero, que recentemente participou nun congreso internacional en Budapest sobre esta temática.

Grazas a esta posta ao día das políticas europeas en materia forestal, tanto empresas como grupos de investigación serán quen de detectar as liñas de traballo que mellor se adapten aos programas de financiamento facilitados pola Unión Europea. “Estímase que os orzamentos de investigación aplicada dependentes da UE vanse multiplicar por tres ou por catro en varios sectores, polo que é onde os grupos de investigación van ter as súas regras de xogo”, declara o presidente de ENVITE.

Procura de sinerxías

Así mesmo, coa finalidade de crear vínculos entre os diferentes axentes do sector, a xornada tamén inclúe a celebración dun panel tecnolóxico no que se exporán as capacidades dos grupos de investigación das tres plataformas, “unha oportunidade para que os equipos de traballo da Universidade poidan presentar as súas capacidades e os proxectos que están desenvolvendo ás principais empresas da industria”, co obxectivo de crear sinerxías “e levar ao I+D ao sector”. Valero salienta a alta participación da escola con varios grupos de investigación xa inscritos “e ata alumnado en particular amosou o seu interese en formar parte do encontro”.

Tras a inauguración oficial a cargo de representantes das tres plataformas tecnolóxicas organizadoras, tomará a palabra Ana Suárez Meyer, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural e Política Forestal do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente para afondar nas claves da nova estratexia forestal europea. A continuación intervirá o propio Enrique Valero, que debullará o papel dos bosques na estratexia da bioeconomía, deixando paso a Francisco Javier Adell Almazán, membro da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural e Política Forestal, que achegará as principais novidades no sector concreto da madeira. A xornada de mañá rematará coas conferencias de Ana Belén Noriega sobre as novas medidas en materia legal e Carlos Franco Alonso, en representación do CDTI, Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial, que comentará as oportunidades de financiamento que achega Europa. O encontro proseguirá pola tarde coa celebración do panel tecnolóxico, no que aínda se pode inscribir calquera grupo de investigación cumprimentando e enviando un impreso a info@envite.org.