DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Editado por Galaxia coa colaboración da Universidade de Vigo, presentouse este xoves en Redeiras

O segundo libro da colección 'Feminismos' denuncia a dura realidade que ten que enfrontar o colectivo LGBTIQ

Pese aos avances conseguidos, seguen rexistrándos casos de discriminación, violencia...

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Igualdade
  • Publicacións
  • Cultura
D. Besadío DUVI 15/02/2024

Baixo o suxerinte título As múltiples cores da vida, este xoves presentouse no edificio Redeiras o segundo libro da colección Feminismos da editorial Galaxia editado en colaboración coa Universidade de Vigo. Trátase, nesta ocasión, dunha obra na que se amosa a dura realidade que ten que enfrontar o colectivo LGBTIQ:  discriminación, violencia, dificultades de integración, etc., á vez que se fan propostas de estratexias para promover unha sociedade máis xusta e libre de discriminacións e violencia.

O acto contou coa participación do reitor, Manuel Reigosa, e o director xeral de editorial Galaxia, Xosé Manuel Soutullo, así como as coordinadoras da obra, as investigadoras da Universidade de Vigo, María Victoria Carrera Fernández e Nazaret Blanco Pardo, integrantes do grupo de investigación Saúde, Sexualidade e Xénero, e a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez. Xuntos fixeron unha chamada á unidade, porque, tal e como recalcou o reitor, “hai loitas que non poden gañarse se non é desde a unión, para que ninguén, independentemente da súa condición, se sinta discriminado”. Nesta liña, Reigosa, agradeceulle a Galaxia a posta en marcha dunha colaboración “moi frutífera para todos”, que “axudará a conseguir unha sociedade máis xusta”. Ao abeiro desta presentación Reigosa anunciou tamén que desde a Universidade se está a traballar xa na próxima posta en marcha dunha Unidade da Diversidade, “xa que hai toda unha serie de colectivos que precisan esa axuda da academia”.

Pola súa banda, Xosé Manuel Soutullo aproveitou esta presentación para adiantar que este mesmo ano sairán do prelo dous novos libros da colección: Hackeamos ao patriarcado. Unha análise do machismo dixital e Contáronme un conto mal contado. Onde estaban as mulleres na historia?, obra coordinada pola vicerreitora Susana Reboreda. “O noso compromiso a prol das políticas de igualdade e de respecto das identidades sexuais é firme e, neste sentido, agardamos poder seguir contando coa colaboración da Universidade de Vigo”.

Crueldades que se sofren “de forma máis xeneralizada que illada”

Tal e como se explicou durante a presentación, o libro deixa claro que os avances en relación á situación das persoas LGBTI son innegables en practicamente todas as sociedades que se consideran a si mesmas desenvolvidas, mais queda aínda moito por conseguir. Para demostralo achéganse traballos, ademais das propias coordinadoras, de Rebeca Jorge Rodríguez, Ártemis López, Carla Míguez Bóveda, Alejandro Raposo González e Estrela Rivas López, onde se amosa a dura realidade que ten que enfrontar o colectivo LGBTI. 

Foron as coordinadoras as que se encargaron de ir debullando os contidos do libro. “Traio aquí algunhas das testemuñas extraídas dun dos capítulos deste libro que poñen de manifesto a crueldade que sofren, de forma máis xeneralizada que illada, as persoas LGBTIQ”, sinalou María Victoria Carrera, quen rescatou extractos como “fun vexado, marxinado, ridiculizado, ameazado, golpeado (entre varios e varias veces). A escola foi un pequeno inferno” ou “a malleira máis grande que me deu un homófobo non a recibín na rúa, senón na casa. Foi unha semana despois de cumprir os 17 anos”.

Ante a dureza destas testemuñas, Carrera insistiu en que a día de hoxe "habitar certas identidades ten riscos, riscos que non emanan destas identidades en si mesmas, senón dunha sociedade excluínte coa diversidade" e, dende as institucións públicas e desde os diferentes axentes de socialización, “especialmente dende a escola e o ámbito académico”, se debe educar nunha ética de mínimos que asuma que a tarefa educativa é unha tarefa de humanización, orientada á consecución do ben común, o que implica traballar valores de mínimos, ancorados na Declaración dos Dereitos Humanos; “que no relativo ao xénero e á diversidade sexual contribúan a superar os estereotipos, valorar a diversidade e rachar o binario normal/anormal, intilexible/inintelixible que dá lugar as prácticas de violencias”.

Tal e como foron explicando as coordinadoras, a obra organízase en seis capítulos.  Os dous primeiros presentan experiencias de discriminación e violencia nos diferentes ámbitos vitais relatadas en primeira persoa, mentres que nos dous seguintes abórdanse realidades máis específicas, entre elas, un estudo da situación destas persoas ao chegar á vellez, concretamente en centros destinados para esta etapa da vida. Os dous últimos capítulos céntranse en propor estratexias complementarias para avanzar cara sociedades máis xustas e inclusivas.

A colección visibiliza ás novas pensadoras e pensadores feministas

A colaboración da Universidade de Vigo coa colección Feminismos da editorial Galaxia arrancou en setembro de 2021 a raíz dunha proposta do docente e investigador Xavier Martínez Cobas, xusto nun momento no que á Unidade de Igualdade lle preocupaba desenvolver o punto do Plan de Igualdade da UVigo referido a favorecer  a creación dunha liña de publicacións propias sobre estudos e investigacións con perspectiva de xénero. Nese sentido, a directora da Unidade de Igualdade explicaba que a cooperación acadada con Galaxia cumpre dous obxectivos, dunha banda  “divulgar e transferir os coñecementos científicos feministas, con perspectiva de xénero e/ou que abordan o estudo das mulleres ao resto da sociedade, a través dunha canle privilexiada” e, doutra, visibilizar as novas pensadoras e pensadores feministas que están a desenvolver a súas primeiras obras intelectuais na UVigo, a través de TFG e TFM”.

A colección componse dun total de seis volumes.  O primeiro en presentarse, en febreiro do pasado ano, foi Son unha nena. Sufrirei discriminacións e violencia sexual?, coordinado polas docentes e investigadoras María Lameiras e Yolanda Rodríguez, e no que  se puña o foco na educación como a clave para transformar unha sociedade colmada de estereotipos.