Organizado pola asociación Forética e a Universidade de Vigo
Unha semana para aprender a facer sociedade dende a empresa
60 alumnos participan no curso de verán sobre Responsabilidade Social Empresarial
Conceptos como o de cambio climático, os dereitos humanos, o crecemento sostible ou a transparencia están cada vez máis presentes na sociedade actual e tamén na cultural empresarial. A obtención de beneficios e a competitividade do tecido empresarial non debe dar as costas á preocupacións socias como estas, senón incorporalas á súa escala de valores a aliñarse con estes desafíos mediante a Responsabilidade Social Empresarial. Para afondar na RSE como ferramenta útil para que as entidades se adapten e preparen para afrontar os retos das novas regras do mercado, a asociación Forética en colaboración coa Universidade de Vigo e Caixanova organiza ao longo de toda esta semana en Vigo un curso de verán sobre RSE: tendencias e retos para empresa sostible de 2010.
No acto de inauguración do curso, no que participan arredor de 60 alumnos de toda España e do estranxeiro batendo o récord de participación en edicións anteriores, o vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas, salientou a necesidade de que valores como o medioambiente ou o desenvolvemento social formen parte da formación dos universitarios e destacou a implicación da Universidade de Vigo neste proceso, incluíndo a responsabilidade social empresarial nos contidos docentes. Con todo, apuntou que é necesario “que non se quede na teoría, que pase á práctica e así iremos da man empresa, Universidade e sociedade”.
Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, recoñeceu que a RSE é o xeito de “facer sociedade dende a empresa” e loou o traballo realizado neste sentido por institucións e empresas vigueses como Caixanova ou a factoría Citröen. “As empresas necesitan incorporar os valores da sociedade e os retos aos que se enfronta esta como propios, non poden vivir de costas e a sociedade recoñece este labor”. O propio director xeral de Caixanova, José Luis Pego, salientou tamén a implicación da caixa galega nesta labor, “que non se limita unicamente á obra social, senón que somos responsables en todas as nosas actividades” e explicou que a entidade vén de poñer en marcha o proxecto Mil Futuros, para protexer a infancia nos países subdesenvolvidos, e de elaborar un código de ética para todo o persoal de Caixanova. Pego lamentou que en épocas de crise como a actual se deixen estes conceptos de lado “ante a avalancha de datos económicos, pero a responsabilidade social corporativa é inherente á capacidade de supervivencia das empresas”.