DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O documental 'O mar da fin do mundo' preséntase este venres en Caixanova ás 20.00 horas

A Semana de Cine Submarino estréase no campus coa vida secreta de polbos e chocos

O galego Ce Orquestra Pantasma pechou os espectáculos de rúa na Cidade Universitaria

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
D. Besadío DUVI 24/11/2010
Poucos animais están tan arraigados na tradición galega coma os cefalópodos, do polbo á feira á empanada de chocos, poucas fórmulas gastronómicas quedan por descubrir con tan prezado manxar, pero ata agora pouco sabiamos da súa vida "cotiá" nas profundidades das rías galegas, algo ao que pon remedio o documental O mar do fin do mundo que se estreará este venres e do que hoxe Manuel E. Garci, biólogo e co-autor do traballo, ofreceu xa na Facultade de Ciencias do Mar algunhas imaxes “a modo de aperitivo” no arranque da Semana de Cine Submarino.

O proxecto, producido por José Irisarri, resume en apenas 52 minutos “catro anos de intenso traballo”, tal como subliñou Garci, que fixo fincapé en que a ría “é un mar cheo de vida no que os cefalópodos atopan o seu reino”. Amosando diferentes intres das gravacións, Garci presentou esta produción, a primeira deste tipo en galego e a primeira tamén na que se logran captar os comportamentos e pautas de reprodución dos cefalópodos, así como moitas especies de peixes que viven no entorno da ría.

Imaxes “inéditas e espectaculares”

O encontro, ao que tamén asistiu o director da semana, José Luis Rodríguez e o decano da Facultade de Ciencias do Mar, Jesús Souza, foi para moitos a oportunidade de ver “case en directo” o intelixentes que poden chegar a ser estas criaturas e a súa enorme capacidade de aprendizaxe.

Gravado con equipos especiais de circuítos pechados de respiración que emiten poucas burbullas e permítenlle a persoa que grava achegarse aos animais sen que se asusten, o documental, “no que se recollen imaxes inéditas e espectaculares”, subliñou Garci, terá tamén como protagonistas aos chocos, “unha especie moi abundante que ocupa distintos hábitats e que se deixa observar con moita facilidade”, explicou o co-autor, que instou aos asistentes a asistir o venres á estrea “e ver unha imaxe única na que se amosa a posta dunha parella de chocos, algo que aínda nunca se conseguira gravar”. Pero como a vida dos fondos mariños vai moito máis alá dos cefalópodos, o documental porá de relevo moitas outras imaxes inéditas, dende un arrecife de corais propias de mares fríos en plena Ría de Vigo ata panchas coidando o seu niño ou múltiples cabaliños de mar.

Entre as principais dificultades, Garcí destacou a dureza de permanecer varias horas debaixo da auga “moitas veces en ambientes moi turbios e a temperaturas moi baixas”. “Algo tan sinxelo como facer un balance de brancos pode complicarse a esas profundidades”, subliñou, ao tempo que explicou que o traballo recolle o traballo de moitas persoas “incluído Gaspar”, en referencia ao coñecido delfín que habita na ría.

Ce Orquestra Pantasma pecha os espectáculos de rúa

Ao abeiro tamén da programación cultural, o galego Ce Orquestra Pantasma amenizou hoxe o xantar ás persoas que xantaron no Centro Comercial da Cidade Universitaria. Ao son da música máis tradicional e coa axuda da cabeza, as mans e mesmo os pes, o multiinstrumentista, un dos poucos que quedan no panorama nacional, foi capaz de trasladar ao público aos espectáculos de principios do século XX.

Con esta actuación péchanse os espectáculos de rúa da programación cultural deste cuadrimestre, se ben os actos continúan co ciclo Sonora 10 que traerá ao Teatro Vidal Bolaño as actuacións de Sophiaa e White Magic. Será a partir das 18.30 horas e con entrada libre.