DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O congreso conta co apoio da Vicerreitoría do campus

A Semana Galega de Filosofía celebra o seu 40 aniversario reflexionando sobre o tempo presente e o camiño percorrido

Entre luns e venres, celebraranse 15 relatorios no Teatro Principal

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Pontevedra 01/04/2024

Baixo o lema de Filosofía e tempo, este luns daba comezo no Teatro Principal a XL Semana Galega de Filosofía, que ten como propósito afondar nas múltiples dimensións do concepto que centra esta edición, á vez que conmemorar os 40 anos de traxectoria deste foro, promovido pola Aula Castelao de Filosofía co apoio da Vicerreitoría do campus, o Concello de Pontevedra, a Deputación Provincial e a Xunta de Galicia. Quince conferencias conforman o programa deste evento aberto ao público, que inauguraron a tenente de alcalde Eva Villaverde; a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón; o vicepresidente da Deputación Rafael Domínguez, e o presidente da Aula Castelao, Alexandre Cendón.  

A “unión entre diferentes institucións” que fai posible esta actividade foi unha das cuestións destacadas por Lantarón, que puxo de relevo tanto a importancia da Semana Galega de Filosofía “para a sociedade galega e pontevedresa”, como o apoio que ano tras ano recibe da UVigo. “Como Universidade, somos un punto de transferencia de coñecemento á sociedade e cremos que isto execútao a Aula Castelao dunha forma brillante”, sinalou a vicerreitora, que salientou a traxectoria dun congreso que busca achegar a filosofía a diferentes públicos, aspecto no que incidiron tamén Domínguez e Villaverde.  

Ao longo dos 40 anos de historia deste foro, "fomos quen de reflexionar sobre o noso tempo, sempre de maneira crítica, deixando constancia do seu decorrer e tamén dos distintos acontecementos”, destacou Cendón, que explicou que a escolla do tempo como eixe temático vén motivada porque, “logo de 40 anos, podemos dicir que a Aula Castelao de Filosofía ten historia”. Partindo desa idea, o obxectivo das xornadas é afondar nun concepto, o tempo, que “impregna as nosas vidas” e que está ligado a un “permanente elixir que vai modelando as biografías e a historia”, e facelo ademais, explicou, desde as perspectivas “da política, a poesía, a ontoloxía, a ciencia, a socioloxía ou a psicoloxía, entre outras”.

Cinco días, tres bloques

O programa desta Semana Galega de Filosofía estrutúrase, como en anteriores edicións, nun bloque de relatorios matinal, outro de tarde e outro de noite. O primeiro deles foi inaugurado pola profesora da Universitat de Barcelona Fina Birulés, quen partiu do pensamento de Hannah Arendt para establecer unha relación entre o presente e o futuro. Nas próximas xornadas, este bloque contará coa participación de Ana Carrasco, da Universidad Complutense de Madrid; Ana de Miguel, da Rey Juan Carlos; Isabel Balza e o profesor da USC Francisco Conde.

O bloque de conferencias de tarde pon o foco na historia e a cultura de Galicia e ábrese este luns cun relatorio de Manuel Cabada, tras o que virán os do experto en historia medieval Anselmo López Carreira; a Premio Nacional de Poesía en 2023 Yolanda Castaño; María Leira e o expresidente da Mesa pola Normalización Lingüístia Carlos Callón. Finalmente, o bloque de conferencias programadas para as 20.00 horas arranca nesta xornada da man do biólogo e divulgador científico Xurxo Mariño, quen conectará a percepción do tempo con elementos biolóxicos. O martes, a catedrática da Universidad de Valladolid Alicia Puelo abordará os desafíos que se abren neste tempo desde unha perspectiva ecofeminista, mentres que, ao día seguinte, a socióloga da Autónoma de Madrid Cristina García falará sobre “multidimensionalidade do tempo social”, como informan desde a Aula Castelao. O xoves o filósofo italiano Franco Berardi reflexionará sobre a “vivencia do tempo” e o que fora catedrático da Universidade de Vigo Arturo Leyte impartirá o venres a conferencia de clausura, titulada O espírito e o tempo