DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un seminario debate en Económicas a relación entre xustiza e mercado

Organizado pola asociación Galidem, iniciouse cun relatorio da profesora Coral del Río

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 11/05/2010

A Asociación Galega para a Liberdade e a Democracia, Galidem, celebrou esta tarde na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais un seminario no que se debateu sobre o concepto de xustiza e a súa relación coa liberdade de mercado. “Desde un punto de vista totalmente galego” tal como salientou na presentación o presidente da asociación, o profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Fernando del Río, os diferentes participantes no seminario indagaron na complicada relación que se establece entre os termos de liberdade, igualdade, xustiza e mercado.
Pódese artellar un sistema de mercado que garanta liberdade e xustiza? Como encaixan os conceptos de liberdade e xustiza nas ideoloxías actuais? Foron algunhas das preguntas ás que se tratou de dar resposta nunha tarde que se iniciou coa intervención da profesora do Departamento de Economía Aplicada, Coral del Río, que co relatorio Benestar social e desigualde: aspectos metodolóxicos e extensións, tratou de desvelar os xuízos de valor que “inevitablemente” están detrás dos diferentes instrumentos de medida que se empregan en economía para medir tanto o crecemento como a distribución deses recursos.
“Desde as medidas máis obxectivas como o PIB ata outras moito máis interpretables coma o benestar social incorporan xuízos de valor”, explicou a profesora. Para exemplificar esta afirmación destacou algo tan relevante como o propio traballo doméstico, “sen ese traballo todo o que acontece nos mercados non funcionaría e, sen embargo, é un labor que non se valora”, sinalou Del Río, ao tempo que engadiu que “se hai xuízos de valor á hora de medir o crecemento, moitísimo máis cando o que se mide é o benestar social”.

Con perspectiva galega

Tras a intervención de Coral del Río, foi a quenda para o profesor da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, Mikel Pérez-Nievas que afondou no papel que as políticas públicas poden xogar para conciliar liberdade e xustiza.
O seminario pecharase coa mesa redonda Liberdade, xustiza e mercado: unha perspectiva galega que contará coa participación de Miguel Anxo Bastos Boubeta, da Facultade de Ciencias Políticas da USC; Gonzalo Caballero, da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade e de Carlos Vázquez Padín, secretario xeral de Converxencia XXI, unha nova proposta política con selo galego.
A organización deste tipo de seminarios é un dos obxectivos básicos de Galidem, unha asociación que quere ser un foro de debate de cuestións referidas á liberdade, economía e democracia “sempre partindo dunha base académica, máis interaccionando fóra do mundo académico”, salientou o presidente.