DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita tivo lugar este xoves e venres na Facultade de Dereito

Un seminario internacional analiza desde o punto de vista xurídico as políticas de emprego para colectivos vulnerables

A clausura contou coa participación do secretario de Estado de Empleo y Economía Social

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Charlas e seminarios
  • Igualdade
  • Internacional
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Ourense 16/06/2023

Arredor dunha vintena de xuristas participaron este xoves e venres na Facultade de Dereito do campus de Ourense nun seminario internacional centrado no mantemento e recuperación do emprego. Nel dedicouse especial atención aos colectivos de atención prioritaria neste eido (por razón de xénero, idade ou diversidade funcional) e realizouse unha análise crítica das políticas de empregabilidade no contexto de implantación dun novo paradigma de sistema produtivo e económico marcado polo dixital.

O comité organizador deste Seminario Internacional Mantemento e recuperación do emprego. Colectivos de atención prioritaria estivo formado por Jaime Cabeza e Marta Fernández (respectivamente catedrático e profesora do Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo) e o comité científico por Gilles Auzero, da Université de Bordeaux; Lara Lazzeroni, da Università di Siena; Achim Seifert, da Friedrich-Schiller-Universität Jena, e M.ª Belén Fernández e Francisca Fernández Prol, da UVigo. Trátase do primeiro dos seminarios científicos e de transferencia que está previsto que se realicen no marco do proxecto da convocatoria Generación de Conocimiento Adaptación e mantemento do emprego no novo ecosistema produtivo, financiado pola Agencia Estatal de Investigación e o Ministerio de Ciencia e Innovación. Este proxecto, que ten como investigadores principais aos propios Jaime Cabeza e Marta Fernández, está integrado por profesorado do Dereito do Traballo e da Seguridade Social, Economía Aplicada e Organización de Empresas, na súa maior parte da Universidade de Vigo.

A clausura do seminario contou coa intervención de Joaquín Pérez, secretario de Estado de Empleo y Economía Social e profesor da Universidad de Castilla-La Mancha. Agradecendo o convite para participar neste seminario, do que destacou que “é de grandísimo interese”, o relator subliñou, en liña coa temática do evento, que “o noso país acaba de promulgar unha nova lei de emprego, cun horizonte novidoso, integrador para as políticas activas, e está conseguindo resultados récord, xunto con a reforma laboral, en moi pouco espazo de tempo”. Esta foi, indicou, “a lexislatura da gran transformación do mercado de traballo español cara un modelo máis sólido, menos esporádico, con maior estabilidade no emprego e máis dereitos para as persoas traballadoras” e indicou que “agora mesmo temos a menor taxa de temporalidade da historia de España, temos a mellor situación de emprego dos últimos 15 anos e todos os nosos mecanismos de emprego e traballo están funcionando axeitadamente”.

Visión xurídica e comparada

O seminario estivo estreitamente conectado con varios dos obxectivos do propio proxecto e nel analizouse “o alcance do concepto de empregabilidade na nova lei, tendo en conta as necesidades dunha novo paradigma de sistema produtivo, caracterizado pola transición cara a unha economía dixital, sostible, xusta e competitiva, que debe integrar a perspectiva de xénero e facilitar a inclusión de colectivos singularmente vulnerables por razón de idade ou diversidade funcional”. A cita  tamén centrou a súa atención na intermediación laboral, a ordenación de accións formativas e de reciclaxe profesional e noutros mecanismos de mantemento e recuperación do emprego, que pretenden reducir as fendas sociais, territoriais, dixitais e de xénero. En relación cos colectivos prioritarios, examinouse o impacto da nova lei no acceso e mantemento do emprego en relación cos traballadores de máis idade, as mulleres e as persoas con diversidade funcional. Ademais, examináronse de xeito comparado ordenamentos doutros países, como por exemplo Francia e Italia e a visión xurídica viuse complementada desde outras perspectivas, como a económica.

Entre as persoas convidadas estiveron os catedráticos de Dereito do Traballo e da Seguridade Social María Emilia Casas (da Universidad Complutense de Madrid e expresidenta do Tribunal Constitucional), Eduardo Rojo (Universitat Autònoma de Barcelona) e Gloria Rojas (Universidad de La Laguna). Entre os membros do proxecto que participaron tamén no seminario estiveron Philippe Martin (de Comptrasec), Belén Cardona (Universitat de Valencia) e os coordinadores da cita. Complementou a análise de experiencias comparadas Giulia Bandelloni, da Università di Genova.

A programación de peche deste venres arrancou cunha conferencia de María Emilia Casas, que falou da perspectiva de xénero na Lei de Emprego 3/2023, de 28 de febreiro, e do real decreto lei 1/2023 que a precedeu, de medidas urxentes en materia de incentivos á contratación laboral. Nesta lei, indicou, “hai unha presencia grande da perspectiva de xénero” lembrando como “neste momento estamos nuns tempos nos que non se podería aprobar ningunha norma sen esa perspectiva”, esixida ademais pola UE. No caso do real decreto, a relatora comentou que esta perspectiva “céntrase en colectivos prioritarios, necesitados de máis atención para recuperar o emprego que outros colectivos” como as mulleres vítimas de violencia de xénero, de trata ou de violencia sexual, cuxo emprego está bonificado. Ademais, engadiu, “nun momento determinado fala das investigadoras, que eu creo que é un sector moi necesitado de presencia feminina e onde as mulleres estamos infrarepresentadas”. A expresidenta do Tribunal Constitucional indicou que a nova Lei de Emprego ten “unha perspectiva máis a futuro”, abranguendo non só colectivos prioritarios, que tamén están dixo, senón profesións infrarepresentadas, contidos máis formativos... “é unha norma de máis alcance que o real decreto lei, que busca incentivar a contratación a través de medidas para colectivos máis vulnerables”. A perspectiva de xénero no eido normativo abordado, afirmou a catedrática, ten diferentes facetas, desde a prohibición da discriminación ata as políticas activas de emprego destinadas a mulleres. O obxectivo, é, dixo, “ir cara unha igualdade real e abandonar a vulnerabilidade” pero “por suposto non descoñecendo as diferenzas na realidade, porque iso é facer aínda máis desigual a quen é desigual”.