DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A apertura das xornadas correu a cargo de Belén Rubio, Alberto Moreiras e Helena Cortés

O Seminario Internacional de Pensamento Contemporáneo avoga por situar o Antropoceno no centro da axenda política e social

Coa participación de prestixiosos especialistas de EEUU, Reino Unido, Canadá, México e España

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Charlas e seminarios
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Divulgación
  • Cultura
D. Besadío DUVI 29/06/2023

Hai xa máis de 20 anos que se puxo sobre a mesa a existencia dunha nova era xeolóxica denominada Antropoceno, un novo período no que, por primeira vez na historia da humanidade, as persoas se converten en factor determinante na xeración de cambios e transformacións biofísicas irreversibles para o futuro do planeta, moitas delas catastróficas. Sobre todas estas cuestións estase a dialogar e reflexionar ao longo deste xoves e venres  na II edición do Seminario Internacional de Pensamento Contemporáneo, un encontro que nesta ocasión se celebra no edificio Redeiras aberto ao público en xeral baixo o lema Pensar o Antropoceno. Participan os máis destacados especialistas, pensadores e pensadoras que traballan desde hai anos sobre temas de pensamento contemporáneo en universidades de Estados Unidos, Reino Unido, Canadá, México e España.

Non se trata de frear o cambio climático, de atopar solucións máxicas, pero si de contar cun espazo para “pensar, reflexionar e dialogar” sobre todos estas cuestións e axudar a polas no centro da axenda política e social. Así se expuxo na apertura das xornadas, sesión que correu a cargo da vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio; o recoñecido investigador vigués Alberto Moreiras, profesor da Universidade de Texas e coordinador do grupo de investigación no que se aglutinan boa parte dos investigadores e investigadoras que participan no seminario, e a profesora da Universidade de Vigo e experta xermanista Helena Cortés, organizadora local do seminario.

“Un dos problemas fundamentais do presente, non o único, pero si un dos máis importantes”

O primeiro en intervir foi Alberto Moreiras, quen explicou que a idea do seminario naceu en 2018 como escisión doutra actividade que levaba varios anos celebrándose na Universidad Complutense de Madrid e, desde o primeiro intre, contou co apoio do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa. “A intención era virnos cada ano os integrantes do noso grupo de investigación e xuntarnos con intelectuais, tanto galegos como do resto de España, para trazar un proxecto arredor dalgunha cuestión relacionada co pensamento”, explicou Moreiras, quen salientou que nesta ocasión se elixiu o Antropoceno por ser “un dos problemas fundamentais do presente, non o único, pero si un dos máis importantes” e que afecta, de forma moi severa,  ao conxunto das humanidades, xa que formula un cambio radical de pensamento, “algo para o que non temos tradición e para o que non dispomos de ferramentas, polo que é importante desenvolvelas”. Referíndose ao programa como “moi intenso e interesante, con grandes conferenciantes plenarios ademais das persoas do noso grupo”, agradeceu a hospitalidade da Universidade de Vigo, “a través da figura do seu reitor e das vicerreitoras de Investigación e Comunicación, Belén Rubio e Mónica Valderrama, así como o excelente labor loxístico realizado pola profesora Helena Cortés”.

Cando se rompeu a harmonía entre as persoas e a natureza?

Discrepando da opinión de Moreiras, a profesora Helena Cortés considerou que se ben a solución aínda non foi definida, si o foi a diagnose, e fíxoo, de maneira incipiente, hai xa varios séculos. Experta en literatura romántica alemá de entorno a 1800, Cortés situou xusto nese momento a toma de conciencia desta problemática. Lembrou na súa intervención como os pensadores desa época, que procedían da tradición do racionalismo ilustrado, se decataron de que a división entre natureza e home supoñía reducir a natureza ás súas propiedades mecánicas, deixando polo camiño moitos outros aspectos. “Nese intre moitos intelectuais estaban xa aterrados ante o que vían vir, era o momento do incipiente arranque da revolución industrial, dos grandes descubrimentos científicos… e non lles escapou o feito de que algo estaba cambiando de maneira grave e definitiva, sobre todo no que se refería á separación da natureza”. 

Se ben esa liña de separación entre natureza e cultura era a preponderante nesa época, foi comezando a xurdir outro colectivo de pensadores que defendía que a separación entre a natureza e  o home non era viable, pois ambos conceptos formaban un todo unitario e, sen isto, xa non é so é que se fosen acabar os recursos naturais ou que incluso se puxese en perigo o planeta, “senón algo moito máis íntimo, que é o feito de que o home non pode estar completo se non vive en harmonía coa natureza”, salientou Cortés. “Foi unha primeira chamada de atención sobre o que a sociedade estaba a facer, algo que non só era malo para o planeta, senón tamén para as persoas e, polo tanto, había que ter unha concepción moito máis holística da ciencia e da vida en xeral para poder saír adiante”, apuntou a docente viguesa, quen agradeceu o apoio da UVigo para organizar un seminario que dá a posibilidade de poder falar de todos estes temas “e, se non achar a solución, que non está na nosa man, cando menos seguir describindo o problema, analizándoo e vendo o que podemos facer como seres humanos”.

“Discutir e pensar sobre todo isto é o grande obxectivo do seminario”

Na mesma liña que os seus predecesores, a intervención da vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, estivo marcado pola reflexións sobre esta problemática e as súas derivadas. “Non cabe dúbida de que a humanidade deixou unha pegada moi marcada no noso planeta e, de feito, vivimos unha etapa de cambios sen precedentes”, explicou a vicerreitora, quen fixo referencia a que os seres humanos talaron bosques, mudaron o curso dos ríos e levaron a cabo un desenvolvemento tecnolóxico brutal,  ata tal punto que dalgunha forma todos eses efectos que se foron producindo no planeta acaban redundando en efectos daniños para os humanos, en moitos casos, con consecuencias nefastas, entre elas unha enorme contaminación en todo o planeta, perda de biodiversidade, degradación do solo,  cambio climático… “Entre outros obxectivos neste seminario queremos pensar e dialogar sobre que podemos facer cada un de nós, sobre todo na época de consumismo exacerbado na que vivimos”, apuntou a vicerreitora e, nesa liña, defendeu que cada pequeno paso que se produza pode ter un efecto beneficioso sobre o planeta. “Discutir e pensar sobre todo isto é o grande obxectivo do seminario e facelo da man de grandes especialistas que teñen un gran coñecemento sobre o Antropoceno e as súas implicacións”, recalcou Rubio.

Sesións abertas ao público, tanto de forma presencial como en liña

Tras a inauguración, o programa arrancou cun panel no que se contou coa intervención do profesor da Universidad Complutense de Madrid, Jorge Álvarez, e da profesora da Universidad Iberoamericana de México, Gabriela Méndez. Como conferenciantes plenarios cóntase coa participación desde Estados Unidos de Dipesh Chakrabarty, da Universidade de Chicago, e Claire Colebrook, da Universidade Estatal de Pensilvania, e, dende o Reino Unido, Jan Zalasiewicz, profesor emérito da Universidade de Leicester, e Nigel Clark, docente da Universidade de Lancaster.

Todas as sesións son abertas ao público e poden seguirse tamén a a través do Campus Remoto da Universidade de Vigo: sala Palacio de Congresos – S01- II Seminario de Pensamiento Contemporáneo, empregando como contrasinal ‘UVigo’.