DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A proclamación provisional de candidaturas ás eleccións do centro quedou deserta

Sen candidatos para o decanato de Ciencias Empresariais e Turismo

O reitor da Universidade de Vigo terá que nomear un equipo provisional

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 07/09/2012

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense comezou o novo curso académico inmersa nas eleccións para renovar o seu equipo decanal. Este venres realizouse a proclamación provisional de candidatos a decano, que finalmente quedou deserta ao non presentarse ningunha proposta. Ante esta situación e ao igual que aconteceu na Escola Superior de Enxeñaría Informática, será o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, o encargado de nomear a un equipo provisional para a dirección do centro mentres no se convoquen novas eleccións.

O ata de agora equipo decanal, que decidiu non presentarse de novo, foi elixido en xullo de 2009 e está encabezado por Elisa Alén, decana do centro; Elena Gallego, vicedecana de Calidade e Alumnado; Patricio Sánchez, vicedecano de Implantación de Novos Graos; Ana Gueimonde, vicedecana de Ordenación Académica e Xestión Informática, e Ana Pérez, secretaria. Ao cumprirse os tres anos de mandato procedeuse á convocatoria de eleccións o pasado 18 de xullo, estando prevista a realización de votacións o día 20 de setembro, unha vez incorporada a comunidade universitaria á actividade despois do verán. Ante a falla de candidatos, a votación queda anulada e será o reitor da Universidade de Vigo o que nomee proximamente un equipo decanal provisional para a facultade á espera de convocar novas eleccións.

Valoración moi positiva

“A valoración persoal e como equipo desta etapa é moi boa, tanto do traballo que realizamos coma da resposta da xente. Sen embargo, chegou o momento de que outras persoas da facultade dean un paso adiante e asuman elas o decanato”, apuntou Elisa Alén. O esforzo persoal que supón traballar neste órgano e o feito de que practicamente todos os membros do seu equipo decanal son persoal contratado da Universidade e non funcionarios, o que lles obriga a centrarse en consolidar os seus postos académicos, foron dous dos motivos que levaron á actual directiva a decidir non presentarse de novo.

Destes tres anos ao fronte do centro, Elisa Alén destaca que “foi unha etapa moi intensa” na que se realizaron os actuais plans de estudos, se adaptou a oferta académica ao EEES, se conmemoraron os 25 anos do centro e se apostou pola súa proxección internacional e a súa presenza no tecido socioeconómico ourensán. “Estamos moi contentos de como fixemos as cousas e de onde deixamos o centro e estamos seguro de que hai xente moi capacitada nel para continuar traballando en prol da nosa facultade”, apuntou.