DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras empatar a 3 co Xadrez Ourense A

Sen sorpresas, o Universidade de Vigo proclámase campión da Liga Galega de Xadrez

O mércores comeza a preparación de cara á Final a Catro da que sae o Campión Galego de Clubs

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI 23/04/2012

Non houbo sorpresas na derradeira xornada da Liga Galega de Xadrez e o Universidade de Vigo, a pesar do empate ante o Xadrez Ourense A, proclamouse campión da división de honra galega con 43,5 puntos.

Agora a vista dos universitarios está posta na Final a Catro que se disputará o vindeiro 5 de maio e da que sairá o Campión Galego de Clubs. A gran novidade de cara a esta cita é a ausencia do Marcote A por primeira vez nos últimos 20 anos, nos que acadou 19 campionatos consecutivos. Ante a transcendencia desta competición, o equipo comezará este mércores un plan especial de adestramento no que, segundo indica o capitán, Pablo García, “a parte técnica máis a preparación física complementaranse cunha carga de traballo psicolóxico orientada ao control dos estrés, ansiedade ou nerviosismo habituais nesta fase da competición”.

Empate ante o Xadrez Ourense A

A derradeira xornada da liga regular deixou esta fin de semana un empate para os vigueses ante o Xadrez Ourense A, nun encontro no que se produciu na derrota máis precoz do Universidade nesta liga, da man de Ricardo Baldwin. Ademais da vitoria do capitán, o resto dos taboleiros remataron en empate, certificando o 3-3 final, un resultado que lles permite aos ourensáns acadar a permanencia na máxima categoría galega. Pola contra, confirmaron o descenso o Pokeryajedrez.com, o Recatelo Campus Lugo e o Padrón, mentres que na cabeza da táboa, tras o Universidade clasificouse segundo o Algalia, a 1.5 puntos, o Universidade de Santiago de Competela, a 3 puntos, e o Círculo Ferrolano a 5.5. Estes catro equipo disputarán a Final a Catro, quedando fóra da mesma o Marcote A, que rematou a fase regular na quinta posición da táboa e, polo tanto, excluído da loita pola título de clubs. Pablo García destaca o bo traballo de todo o equipo, “que unha vez máis leva o nome da Universidade de Vigo ao chanzo máis alto do xadrez galego”.

O obxectivo, a Final a Catro

O equipo gozará dun par de días de descanso para comezar a preparar este mércores a Final a Catro que arrancará o vindeiro 5 de maio no campus do Vigo. O capitán do equipo afronta esta final con optimismo pero tamén con cautela e explica que “é certo que nos últimos anos o Universidade de Vigo viña demostrando a súa superioridade fronte o Marcote na fase regular, un equipo que centraba os seus esforzos e as súas estrelas da elite mundial na Final a Catro, sen embargo este ano, a contundente derrota que lles infrinximos na primeira rolda, máis o aumento do nivel dos equipos restantes, fixo malos os seus cálculos e déixaos fóra da loita polo título.” Sen seu rival máis forte a priori, os vigueses parten con certa vantaxe pola súa vitoria na fase regular, xa que no caso de que o encontro remate en empate a 3 puntos, a vitoria será para o Universidade.

 

O primeiro encontro desta fase final xogarase na sala de xadrez do Servizo de Deportes o 5 de maio ás 17.00 horas, con entrada da balde.